A Xunta premia un cartel publicitario elaborado por rapaces de Caldas de Reis no marco do programa Lecer Consumo

O concurso pecha as actividades do programa Lecer Consumo, no que participaron o pasado verán máis de 1.900 rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos de 23 concellos diferentes
Por o 08/10/2018 | Sección: Xunta de Galicia
A Xunta premia un cartel publicitario elaborado por rapaces de Caldas de Reis no marco do programa Lecer Consumo

A directora xeral de Comercio e Consumo, Sol Vázquez Abeal, entregou hoxe en Caldas de Reis o premio do concurso de carteis do programa Lecer Consumo, que recibiron oito rapaces e rapazas de entre 8 e 12 anos da localidade polo traballo “Divírtete coa man do verán”.

No marco do programa de actividades de verán do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e como remate da xincana Móvete no verán, despois de superar diferentes probas sobre cuestións relacionadas co consumo responsable (as cores e o slogan da publicidade, a pirámide dos alimentos e o código PEGI dos videoxogos), os participantes tiñan que deseñar un cartel publicitario no que anunciar un produto ou servizo relacionado co lecer e o verán.

O cartel gañador, “Divírtete coa man do verán”, foi seleccionado entre máis de 40 carteis polo xurado do concurso, constituído por técnicos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria e do propio Instituto Galego do Consumo e da Competencia.

A iniciativa enmárcase no programa de actividades de verán Lecer Consumo, impulsado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria a través do Instituto Galego do Consumo e da Competencia, e que na súa última edición se centrou en temáticas como a publicidade, o uso responsable dos videoxogos ou a dieta equilibrada.

As actividades desenvolvéronse dentro dos campamentos urbanos e outras iniciativas impulsadas por diversos concellos e entidades de toda Galicia. Durante os meses de xullo e de agosto participaron nestas actividades máis de 1.900 rapaces e rapazas de entre 3 e 12 anos, de 23 concellos diferentes das catro provincias galegas.

Esta iniciativa está dirixida ao conxunto da poboación galega, adaptando a súa oferta ás necesidades de cada colectivo participante tendo en conta criterios de idade. Ademais da xincana Móvete no verán, para rapaces de 8 a 12 anos, este verán tamén se propoñía para nenos e nenas de 3 a 7 anos un obradoiro en torno ás alternativas de ocio que non respondan só ao lecer como produto de consumo, coa proposta de A bolboreta pizpireta: un desexo responsable, que incluía a narración dun conto e a creación dun xoguete.

Os participantes maiores de 13 anos puideron familiarizarse cos elementos da publicidade e dos códigos publicitarios, converténdose en publicistas por un día. Tamén se propoñía a charla Educando nuns hábitos de vida saudables sobre os riscos do sedentarismo e a importancia de coñecer o etiquetado dos produtos alimenticios para manter unha dieta equilibrada, destinada ao público adulto.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.