A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, presentou hoxe en rolda de prensa os 10 conxuntos de proxectos cos que a Xunta agarda investir 400 millóns de euros de fondos europeos do plan de recuperación da economía no fomento da mobilidade sostible e a modernización do transporte. Segundo explicou, o Goberno galego presentará hoxe mesmo ante o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana eses 10 programas, que levan aparellados 2.300 postos de traballo cada ano.
Vázquez Mourelle, xunto co subdirector xeral de Planificación Técnica do Transporte, Héctor Presas, concretou en rolda de prensa cada un dos conxuntos de proxectos cos que Galicia aspira a aproveitar a convocatoria de fondos do Mecanismo Europeo de Recuperación e Resiliencia realizada polo Ministerio de Transportes para impulsar actuacións en materia de mobilidade.
Segundo dixo, “Galicia está preparada” para aproveitar esta oportunidade e chega a esta convocatoria cos deberes feitos, pois conta cun sólido programa de actuacións, plasmadas nun conxunto de iniciativas concretas coas que a Xunta quere, nos vindeiros 3 anos, dar un salto cara adiante no fortalecemento e modernización do transporte público e na consolidación dunha mobilidade máis sostible e dixital.
Segundo indicou, este grupo de proxectos parte do coñecemento profundo da realidade territorial, da oferta e demanda de mobilidade en Galicia e das tendencias innovadoras que comezan a abrirse paso no mercado nesta materia. Estes programas, apuntou, buscan insuflar oxíxeno á economía e ao mercado laboral e levan aparellados 2.300 empregos ao ano.
Os proxectos agrúpanse arredor de cinco grandes obxectivos: garantir a xestión dixital do transporte público; priorizar este servizos nos ámbitos urbanos e metropolitanos; facilitar os desprazamentos non motorizados en todos os ámbitos, tanto urbanos como rurais, con sendas para peóns e ciclistas; ofrecer alternativas de mobilidade permanente, as 24 horas do día e os 7 días da semana; e mellorar a competitividade e a seguridade do transporte de mercadorías.
A conselleira salientou que se trata de proxectos con “vocación transformadora” para que Galicia sexa un país que emprega aínda máis o transporte público, despois de reordenar todas as liñas de autobús.
Así o primeiro programa contén actuacións para seguir impulsando a dixitalización do sistema de transporte público de Galicia con aplicacións para a xestión dixitalizada da oferta e da demanda: oficina virtual, sistemas de axuda á explotación para ter datos en tempo real e a xeolocalización de cada vehículo. Tamén se propoñen áreas de conectividade 5G en nodos de transporte e uso de novas tecnoloxías dixitais, así como sistema para flexibilizar os sistemas de pago e establecemento da tarxeta do transporte público de Galicia: tarxetas virtuais, pago con teléfonos móbiles, tarxetas de crédito ou débito ou lectura de códigos QR, para impulsar a venda online. Ademais de formación e plan de fomento da seguridade no sector do transporte.
En segundo lugar, a Xunta quere impulsar a innovación en materia de estradas, con medidas como a dixitalización das vías e a súa contorna a través da cartografía dixital, así como a novas ferramentas de xestión dos sistemas intelixentes de transporte: aforamento con datos en tempo real; cálculo automatizado de vehículos; integración de sistemas coa DGT ou apoio á sensorización da estrada para o impulso da tecnoloxía de vehículos autónomos.
Como terceiro conxunto de medidas, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aposta pola actuacións de priorización do transporte público urbano e metropolitano, con novas estacións intermodais. En cuarto lugar están as plataformas reservadas para o transporte público nos accesos ás cidades de Galicia, como o carril VAO que se proxecta entre A Coruña e Arteixo. E, en quinto lugar, a creación de aparcadoiros disuasorios dotados con puntos de recarga eléctrica. Ethel Vázquez incidiu que esas medidas pretenden dotar as cidades de infraestruturas que as fagan máis limpas, máis humanas e máis transitables.
Ademais, a Xunta presenta iniciativas para seguir desenvolvendo a mobilidade non motorizada, cun conxunto de iniciativas para construír novas sendas, tanto nas vías autonómicas como fóra de elas, ademais de prolongar en Galicia a rede de rutas ciclistas ‘EuroVelo’ .
Coa fin de consolidar o dereito dos galegos á mobilidade os sete días da semana e as 24 horas do día, a Xunta presenta un conxunto de proxectos para desenvolver novos servizos baixo demanda mediante condución autónoma ou semiautónoma, mediante compra pública innovadora. E outro para mellorar as infraestruturas de comunicacións no rural.
Para mellorar a competitividade e a seguridade do transporte de mercadorías, dentro das competencias autonómicas, a Xunta impulsa a execución de melloras nas conexións aos polígonos empresariais.
A este respecto, a conselleira citou actuacións tan destacadas e necesarias como a conexión do Porto Seco de Monforte coa N-120, a prolongación do acceso a San Cibrao das Viñas e á Cidade do Transporte ata a A-52, o novo acceso ao polígono da Granxa no Porriño, que funcione tamén como variante da PO-510, e o acceso ao polígono da Veigadaña, en Mos.
Finalmente, a Xunta presenta un programa para implantar centros de aparcadoiro seguros para vehículos de transporte de mercadorías perigosas.
A conselleira de Infraestruturas lembrou que se descoñece aínda cal será o criterio para o reparto dos fondos que seguirá o Ministerio de Transportes e requiriu que se faga mediante un procedemento transparente e que teña en conta as diferentes realidades territoriais e demográficas de España.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.