A Xunta proba os drons que permitirán localizar incendiarios e mellorar a vixilancia, a detección e a extinción de incendios forestais

José González sinalou que tamén darán apoio ás BIIF nos labores de investigación e permitirán avaliar o cumprimento das obrigas de xestión da biomasa nos predios afectados por incendios forestais
Publicado por o día 14/06/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta proba os drons que permitirán localizar incendiarios e mellorar a vixilancia, a detección e a extinción de incendios forestais

O conselleiro do Medio Rural, José González, participou esta mañá na base de helicópteros do Campiño nunha demostración de drons xunto con persoal das Brigadas de Investigación de Incendios Forestais (BIIF). Alí, José González puxo en valor o uso desta tecnoloxía, que permitirá localizar incendiarios e mellorar a vixilancia preventiva, a detección e o apoio á extinción de lumes.

Neste senso, o conselleiro sinalou que este ano se traballará por primeira vez con estes vehículos non tripulados, cos que se dará apoio ás BIIF nos labores de investigación. Ademais, no que se refire á extinción, o titular de Medio Rural asegurou que estes aparatos suporán un importante apoio na planificación e na coordinación dos medios.

Neste senso, o conselleiro trasladoulles ao persoal das BIIF que nos anos 2020 e 2021 se van reforzar esas brigadas de investigación con 23 novos axentes que se incorporarán nos distritos que rexistran máis incendios en Galicia. Ademais, avanzou, que se engadirán catro coordinadores nas diferentes provincias para que se poida realizar ese traballo de investigación.

Así mesmo, José González sinalou que grazas aos drons poderanse tomar imaxes, vídeos ou imaxes termográficas como apoio técnico durante as tarefas de extinción e remate de incendios forestais, “proporcionando información en tempo real para a toma de decisións por parte do director técnico de extinción”, matizou o conselleiro.

Ao tempo, o conselleiro tamén destacou o uso desta tecnoloxía para avaliar o cumprimento das obrigas de xestión da biomasa nos predios afectados por incendios forestais, pois servirán para poder examinar as franxas secundarias dun xeito máis rápido e eficaz.

No eido tecnolóxico, o conselleiro lembrou ademais que este ano se mellorou tamén a rede de vixilancia dos espazos forestais, coa incorporación de 30 novas cámaras que se suman ás 88 instaladas o pasado ano. Así, en total haberá 118 cámaras despregadas por toda Galicia que permiten monitorizar e ter controladas 1,8 millóns de hectáreas do territorio, é dicir, dous terzos da superficie da nosa comunidade.

Outra mellora deste tipo é o desenvolvemento dun proxecto piloto para contar con alertas temperás en puntos estratéxicos do territorio que recollan observacións meteorolóxicas fiables. Trátase de dispor de datos permanentemente actualizados da contorna na que se poida estar a producir un incendio forestal, avaliando variables como a dirección e velocidade do vento, a temperatura, a humidade ou a pluviometría.

Comentar noticia

Your email address will not be published.