A xunta promove a creación de novas empresas a través do programa Galicia Emprende que mobilizará este ano 11 Millons de Euros

A delegada territorial en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou as instalacións dun ximnasio no concello de San Cibrao das Viñas que abrirá a semana que vén e que foi beneficiario o pasado ano desta liña de axudas
Publicado por o día 26/09/2018 na sección de Galicia,Ourense,Xunta de Galicia

A xunta promove a creación de novas empresas a través do programa Galicia Emprende que mobilizará este ano 11 Millons de Euros

A delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, visitou hoxe no Parque Tecnolóxico de Galicia, no concello de San Cibrao das Viñas, as instalacións do ximnasio Tecnopole Sport S.L., un dos proxectos beneficiados o pasado ano a través do programa Galicia Emprende.

Díaz Mouteira subliñou que para a consolidación do crecemento económico é fundamental o apoio ás iniciativas emprendedoras, como a desta empresa ourensá que investiu case máis de 497.000 euros na posta en marcha dun ximnasio para adestramento persoal e aulas de formación para impartir cursos deportivos. Por iso, a Consellería de Economía, Emprego e Industria, a través do Igape, concedeulle unha axuda de 174.000 euros.

A delegada territorial destacou que a Xunta, a través do programa de axudas Galicia Emprende, apoia iniciativas de emprendemento e creación ou consolidación de empresas como Tecnolope Sport, que favorecen un emprego de calidade e estimulan o tecido empresarial galego. Este ximnasio ten previsto a súa apertura a semana que vén e supón a creación de 14 postos de traballo, dos que 4 son fixos.

Marisol Díaz lembrou que actualmente está aberto o prazo de presentación de solicitudes para a segunda convocatoria aberta este ano nesta liña de apoio, que está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Económico, e que nesta segunda edición achegará axudas por valor de 3 millóns de euros a 80 proxectos que mobilizarán investimentos que acadarán os 11 millóns de euros. Os emprendedores interesados disporán ata o 25 de outubro para acollerse a esta iniciativa que ten como obxectivo de estimular o tecido empresarial galego e fomentar a xeración de emprego mediante a creación e consolidación de empresas novas.

Nas edicións dos programas Galicia Emprende do pasado ano, a Xunta concedeu na provincia de Ourense axudas por importe de 545.000 euros a 10 proxectos que mobilizan máis de 1,6 millóns de euros e que abranguen, entre outras actividades ademais do ximnasio hoxe visitado, a comercialización de produtos delicatessen, a restauración dunha casa de comidas con máis de 50 anos de tradición ou a remodelación dunha farmacia.

 

Comentar noticia

Your email address will not be published.