A Xunta propón crear un grupo de traballo dentro do Consello Forestal para mellorar a Lei de recuperación da terra agraria mentres se debate no Parlamento

Esta norma aposta por impulsar unha xestión do territorio rural multifuncional, sustentable e rendible economicamente
Publicado por o día 01/02/2021 na sección de Medio Ambiente

O conselleiro do Medio Rural, José González, presidiu hoxe a reunión extraordinaria do Consello Forestal na que se avaliou a futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia. Neste encontro, o conselleiro propuxo tamén -como xa fixera o venres no Consello Agrario- a creación dun grupo de traballo para recoller ao longo do mes de febreiro as achegas do sector forestal a esta norma, “co fin de mellorala na súa tramitación parlamentaria”.

Neste sentido, sinalou que este eido produtivo é “un dos máis implicados neste ámbito” e lembrou que o texto legal “trata de impulsar, no territorio rural galego, os tres usos -agrícola, gandeiro e forestal- e por iso nos parece importante trasladar os contidos da futura lei nos organismos que teñen representatividade”. Salientou, nesta liña, que no Consello Forestal están representadas máis de 40 entidades sectoriais.

A futura Lei de recuperación da terra agraria de Galicia aposta por un monte multifuncional, sustentable e rendible economicamente e por potenciar a figura do silvicultor activo, vinculado á ordenación forestal sostible e á xestión profesionalizada deste recurso. Con esta norma tamén se defende a certificación forestal, como fórmula acaída para fomentar esa xestión e planificación sustentables. Avógase, así mesmo, por impulsar a xestión conxunta do monte, orientada cara a anticipación, prevención e defensa contra os incendios, a mitigación e adaptación fronte o cambio climático e a creación de emprego endóxeno, colaborando no aumento da calidade de vida e expectativas de desenvolvemento da poboación rural.

O Consello Forestal xa recibira información sobre o borrador deste texto en decembro do 2019 e agora ten de novo a oportunidade de avaliar o documento, xa en forma de proposición de lei. Trátase así, segundo explicou o conselleiro na xuntanza, de “enriquecer o texto con todas as achegas posibles, para que acade o máximo consenso tanto na súa elaboración como, sobre todo, na súa aplicación”. Isto, reafirmou, “será clave para acadar un dos obxectivos centrais que se marca a lei, o de ordenar o territorio rural con criterios de sustentabilidade social, económica e ambiental”.

Mandato parlamentario

A maiores, José González destacou que a futura lei responde tamén á vontade de cumprimento do mandato parlamentario recollido no Ditame da Comisión de estudo sobre o ámbito forestal e a loita contra os incendios, recollendo ao longo do seu articulado de xeito específico 43 das súas recomendacións. Por iso, entre outras cousas, a futura norma introduce diferentes melloras, de calado, na Lei de montes de Galicia.

Ademais, esta lei tramítase no Parlamento de xeito paralelo á revisión do Plan Forestal, un documento que recolle outras 92 recomendacións do devandito ditame. Deste xeito, estase a conformar un marco legal dinámico e actualizado, que lle vai dar pulo ao medio rural galego.

Outra figura establecida na lei é a das agrupacións (agrogandeiras e forestais) de xestión conxunta, regulando a finalidade destes colectivos, o obxecto e tamén os requisitos que deberán cumprir como promotoras das actuacións conxuntas. Procédese, así mesmo, á ampliación do abano de agrupacións de xestión conxunta, mediante figuras que van desde as máis sinxelas e flexibles ata as sociedades de dereito mercantil.

Así, as persoas propietarias ou titulares de dereitos de aproveitamento de terreos agroforestais que pretendan xestionar conxuntamente as súas parcelas poderán solicitar o seu recoñecemento como agrupación agrogandeira ou forestal. Este modelo de xestión conxunta non suporá a reorganización da propiedade dos terreos agroforestais e comportará a obrigatoriedade da súa xestión e aproveitamento de maneira conxunta durante o tempo de vixencia da actuación neses terreos.