A Xunta propón no consello interterritorial de saúde o adianto do horario do toque de queda para frear a expansión da COVID-19

García Comesaña insistiu en que é preciso que o goberno central poña a disposición das comunidades autónomas todas as ferramentas posibles para xestionar a pandemia

A Xunta de Galicia vén de trasladarlle ao Consello Interterritorial do Sistema Nacional de Saúde a súa proposta de adianto do horario do toque de queda na comunidade galega, co obxectivo de frear a expansión da covid-19.

O conselleiro de Sanidade, volveu a insistir na conveniencia de que o goberno central poña a disposición das comunidades autónomas todas as ferramentas posibles para o control da COVID-19 segundo a situación epidemiolóxica de cada momento e que se poidan empregar a nivel de provincia, concello, área sanitaria e distrito sanitario.

No transcurso da xuntanza mantida esta tarde cos responsables sanitarios do conxunto de comunidades autónomas españolas e o Ministerio de Sanidade, o titular do departamento sanitario da Xunta, Julio García Comesaña, informou que o Executivo galego considera axeitada a posibilidade de que os gobernos autonómicos poidan modificar e adiantar a restrición de mobilidade horaria, así como implantar confinamentos segundo as necesidades epidemiolóxicas que presente cadanseu territorio.

A Xunta de Galicia forma parte do conxunto de gobernos autonómicos que lle trasladaron a súa petición ao Goberno central para que este permita flexibilizar as limitacións de mobilidade nocturna ou implantar confinamentos, e así poder combater o incremento de novos casos positivos rexistrados nas últimas datas.

Plan de vacinación

No que atinxe ao Plan de vacinación, e unha vez restablecido o subministro a niveis semellantes aos envíos iniciais, aínda que algo por debaixo destes, recuperase a programación establecida. Así, na comunidade galega, e malia o descenso no envío destas doses até o 57 % esta semana, seguiuse a manter a cadencia de vacinación.

Así mesmo, García Comesaña apuntou que a consellería de Sanidade segue a traballar co Ministerio na definición dos vindeiros grupos de vacinación. Neste senso, subliñou que de establecerse como prioritarios os grupo de poboación de maior idade, é preciso que se teña en conta a realidade demográfica de cada territorio á hora de definir os criterios de reparto das vindeiras doses. Nomeadamente, referíuse a maior porcentaxe de poboación con máis 65 anos coa que conta Galicia, respecto do conxunto do Estado.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM