A Xunta propón unha nova Reserva da Biosfera ao tempo que autoriza proxectos agresivos nese mesmo territorio

Publicado por o día 12/09/2019 na sección de ADEGA,Medio Ambiente,Social

A Xunta propón unha nova Reserva da Biosfera ao tempo que autoriza proxectos agresivos nese mesmo territorio

ADEGA e a Plataforma Salvemos o Iribio (integrada por máis de 20 organizacións) vimos de presentar alegacións ao proxecto da Xunta para a criazón da Reserva da Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel. Dende as nosas organizacións apoiamos a proposta de declaración da Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel como Reserva da Biosfera, mais chamamos a atención das administracións responsábeis sobre a necesidade de afrontar os graves impactos e ameazas que persisten e, mesmo se promoven, sobre este territorio e que poden comprometer os criterios e as funcións que UNESCO esixe para declarar unha Reserva da Biosfera. Ditos proxectos de forte impacto sobre o territorio porían en cuestión as funcións de conservación e desenvolvemento sustentábel recollidas no art. 3 do Marco Estatutario da Rede Mundial. Consecuentemente, estaríanse a banalizar algúns dos criterios que debe satisfacer unha zona para ser designada Reserva de Biosfera, en particular o relativo a ofrecer oportunidades para o desenvolvemento sustentábel deste territorio.

Por outra banda, consideramos preocupante que a Xunta de Galiza estea a utilizar unha figura de protección máis “branda”, como é unha Reserva da Biosfera, para compensar o seu desinterese e falta de vontade por ampliar a Rede Natura 2000 e aplicar o Plano Director neste territorio. A Xunta ten a obriga de salvagardar os valores naturais e patrimoniais destes espazos en troques de permitir ou ser cómplice da súa destrución.

Un ronsel de actividades incompatíbeis coa declaración

De seguido, expoñemos algunhas das actuacións e proxectos no territorio da “Proposta de Reserva de Biosfera Ribeira Sacra e Serras do Oribio e Courel” que cuestionan o cumprimento das funcións e criterios esixidos pola UNESCO para declarar un territorio Reserva da Biosfera:

-Parque eólico e LAT Serra do Iribio: As infraestruturas deste parque eólico están nestes intres en execución, malia a que a tramitación e o inicio das obras estiveron inzadas de irregularidades. Afecta á ZEC Ancares-Courel e á principal zona núcleo da proposta de Reserva de Biosfera. Este proxecto eólico vulnera a normativa que prohibe a construción de novos parques eólicos en Rede Natura, conta cunha DIA (Declaración de Impacto Ambiental) redactada hai 14 anos que amosa significativas carencias: ignora hábitats e especies protexidas, algunhas delas en perigo de extinción como o oso pardo (Ursus arctos) ou a aguia real (Aquila chrysaetos). No caso do oso pardo, este parque eólico destruirá parte do seu hábitat, nunha área de distribución potencial da especie e de interese para a súa conservación. Con esta actuación, derramaranse tamén os investimentos que a través do proxecto Life Oso-Pardo se teñen destinado a esta área. En materia de patrimonio cultural afecta ao BIC Camiño de Santiago e xa destruíu parcialmente un Camiño Real e unha mámoa, alén de usurpar o terreo de varias comunidades veciñais de montes en man común de utilidade pública.

-Proxectos hidroeléctricos: Están en tramitación 2 novos megaproxectos hidroeléctricos: as centrais en caverna de Sta. Cristina (Iberdrola) e Edrada (GN-Fenosa). Ambos afectan ao LIC Canóns do Sil e á zona núcleo e tampón da proposta. Suporán a realización de obras a grande escala e durante varios anos, con centrais en caverna, a construción dun lago elevado, de novas tubaxes de presión, de novas liñas de evacuación, e a xeración de millóns de toneladas de entullos, aliás de detraer máis caudal a un río, o Sil, que soporta unha das maiores presións hidroeléctricas de todo o Estado.

-Autovía A-76 pola Ribeira Sacra: A obra atópase actualmente en diversas fases administrativas dependendo dos treitos. Trátase dun proxecto sen fundamentación técnica e que afectará a formacións xeolóxicas (karsts calcarios) moi escasas en Galiza, con hábitats prioritarios, a metade das especies de plantas presentes no país, incluídos 2 endemismos exclusivos galegos e outros 9 ibéricos, e outras 140 especies protexidas.

Os proxectos e actividades antes descritas (alén doutras actuacións puntuais) supoñen un grave deterioro dos valores ambientais e patrimoniais do espazo, coartando as posibilidades dun desenvolvemento sustentábel deste espazo e poñendo en risco a declaración por parte da UNESCO como Reserva da Biosfera ou Patrimonio Mundial (solicitado para a Ribeira Sacra).

Dende ADEGA e a Plataforma Salvemos o Iribio lembramos á Xunta que para a UNESCO non vale todo para declarar un espazo Reserva da Biosfera ou Patrimonio Mundial. O cumprimento estrito dos criterios de declaración e as funcións que organismo internacional atribúe a estes espazos deben verificarse antes, durante e despois do proceso de declaración.