A Xunta publica no DOG a aprobación do expediente de información pública do proxecto de trazado da conexión entre a autoestrada AG-53 e a N-525, en Dozón

A Consellería de Infraestruturas incorpora ao proxecto achegas como o dobre sentido da nova vía entre a N-525 e o camiño de servizo paralelo á autoestrada
Publicado por o día 17/08/2020 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A Xunta publica no DOG a aprobación do expediente de información pública do proxecto de trazado da conexión entre a autoestrada AG-53 e a N-525, en Dozón

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do expediente de información pública do proxecto de trazado do ramal de conexión entre a autoestrada AG-53 e a estrada N-525, en Dozón.

No seguinte enlace ao DOG pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/3kQcHMs

Unha vez realizado o procedemento de información pública, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de incorporar ao proxecto algunhas achegas. Así, a nova vía entre a N-525 e a AG-53 terá dobre sentido de circulación entre a estrada nacional e o camiño de servizo que discorre paralelamente á autoestrada pola súa marxe dereita.

O proxecto tamén manterá a entrada na estrada nacional en dirección Ourense. Ademais habilitarase unha intersección para que os vehículos poidan transitar entre a nova vía e o camiño de servizo, manténdose o acceso directo e apto para vehículos pesados entre o camiño que dá acceso á granxa próxima e á estrada nacional.

Na actualidade, o proxecto que completa todos os movementos de entrada e saída desde Dozón á autoestrada AG-53 atópase en redacción.

Unha vez finalizado este proceso de información pública, prevese elevar o Decreto de Utilidade Pública das expropiacións ao Consello da Xunta a finais deste verán, podendo licitar de xeito paralelo a execución das obras.

Esta intervención, no seu conxunto, fará posibles tanto a entrada como a saída a esta infraestrutura, en sentido Ourense, dende Dozón.

A construción dun acceso á autoestrada é unha vella demanda deste municipio pontevedrés, que na actualidade só conta cun semienlace para acceder a esta vía de alta capacidade en dirección a Santiago.

O novo enlace evitará que os veciños de Dozón deban desprazarse ata Piñor para acceder á autovía con sentido a Ourense.