A Xunta publica no DOG as directrices para facilitar a conservación e limpeza dos case 15.000 quilómetros de ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

Trátase dunha responsabilidade compartida entre a Administración autonómica e as entidades municipais, aos que lles corresponde a xestión dos preto de 300 quilómetros de treitos urbanos dos ríos
Publicado por o día 18/01/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta publica no DOG as directrices para facilitar a conservación e limpeza dos case 15.000 quilómetros de ríos da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa

A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia unhas directrices para facilitar as tarefas de conservación e limpeza nos case 15.000 quilómetros de ríos existentes na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, e directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, presentaron esta mañá en rolda de prensa esta instrución que pretende contribuír a unha mellor xestión fluvial na Comunidade, unha responsabilidade compartida entre a Administración autonómica e os municipios, aos que lles corresponde a xestión dos preto de 300 quilómetros dos treitos urbanos dos ríos.

Para facilitar esta competencia local, o Goberno galego pon a disposición dos municipios un detallado visor GIS para identificar os tramos nos que lles afectan as citadas tarefas.

Ethel Vázquez Mourelle precisou que a instrución publicada hoxe organiza o traballo a realizar por Augas de Galicia nos treitos non urbanos, de xeito que permite prever as accións necesarias a través das actuacións programadas, ao tempo que deixa marxe para cubrir novas necesidades por medio de intervencións non programadas. Engadiu que tamén contempla as medidas de emerxencia para paliar ou previr acontecementos que supoñan un grave perigo.

Indicou que a conservación axeitada dos ríos necesita dunha boa coordinación e da implicación de todas as administracións con responsabilidades e da sociedade en xeral.

Neste sentido, destacou que hai inundacións inevitables, pero se os leitos están máis limpos, coidados e respecten a súa mecánica natural, minimizaranse os riscos de asolagamentos.

O contexto de cambio climático está facendo que en Galicia se empecen a rexistrar precipitacións con patróns diferentes dos que tradicionalmente tiña. Agora hai períodos secos máis longos que deixan paso a chuvias intensas, fenómeno que obriga á protección contra as secas, pero tamén contra as inundacións.

Cómpre lembrar que dende o ano 2015, para as actuacións menores de mantemento só é precisa unha declaración responsable que o interesado debía presentar con carácter previo á intervención. Isto supuxo unha maior eficacia para que os propietarios dos terreos, os concellos ou as empresas puideran mellorar a limpeza dos ríos ao carón das súas fincas.

Máis axilidade en obras menores

Por outra parte, a conselleira tamén avanzou a aprobación este ano dun decreto que permitirá a realización de obras menores ao carón dos leitos fluviais fóra de espazos protexidos só cunha declaración responsable ante Augas de Galicia, sen ter que agardar a autorización.

Explicou que se está iniciando a tramitación deste decreto que posibilitará que as persoas que queiran levar a cabo un retellado, un cambio de fiestras, acondicionar un baño ou facer un peche, poidan facelo sen ter que esperar pola licenza da administración hidráulica.

Esta iniciativa suporá unha axilización nestes casos, xa que a día de hoxe, calquera tipo de obra feita a menos de 100 metros da marxe dun río atópase na “zona de policía do dominio público hidráulico” e está sometida a autorización previa de Augas de Galicia.

A Xunta, ao longo do ano, recibe unhas 1.200 solicitudes de autorizacións de obras que, en ocasións, poden saturar o servizo e adiarse na súa emisión. Neste sentido, o Goberno galego estima que entre 400 e 500 poderían acollerse a esta declaración responsable, dando máis axilidade ás actuacións e centrando os esforzos nos eidos nos que resulte máis necesario actuar.