A Xunta ratifica a sanción ao Concello de Vigo por incumprimentos reiterados no control da calidade da auga

O expediente determina catro infraccións administrativas, tres tipificadas como graves e outra de carácter leve, que cuantifica no importe de 21.520,26 euros
Publicado por o día 06/04/2018 na sección de Galicia,Vigo

A Xunta ratifica a sanción ao Concello de Vigo por incumprimentos reiterados no control da calidade da auga

A Xunta conclúe na proposta de resolución do expediente sancionador aberto o pasado mes de xaneiro ao Concello de Vigo, como responsable do servizo de abastecemento de auga de consumo humano, a imposición de catro infraccións administrativas, tres tipificadas como graves e outra de carácter leve, que cuantifica no importe de 21.520,26 euros.

Así o informou hoxe o delegado do Goberno galego na área territorial, Ignacio López-Chaves, quen confirmou a desestimación da totalidade das alegacións da Administración local “rebatendo todos e cada un dos argumentos esgrimidos polo Concello”. Segundo dixo, unha vez analizada a documentación e vistas as actas e as alegacións presentadas, quedan probadas as deficiencias reiteradas nos controis realizados polo Laboratorio Municipal na billa do consumidor. Tamén que houbo incumprimentos na calidade da auga que non foron nin confirmados, cunha analítica ás 24 horas como marca a normativa, nin comunicados á autoridade sanitaria

As inspeccións de Saúde Pública levadas a cabo poñen de manifesto o incumprimento reiterado en Vigo da normativa que establece os criterios sanitarios da calidade da auga de consumo, requiríndolle ao Concello a aplicación das consecuentes medidas correctoras para emendar as non conformidades detectadas no marco do programa galego de vixilancia sanitaria.

Nas análises realizadas polo Laboratorio Municipal na billa do consumidor en 2016 e 2017 detéctanse ata 24 analíticas que cualifican a auga como non apta e outras 31 baixo a clasificación de apta con non conformidade. En canto a 2015, sinalan que non se realizaron a totalidade das análises na billa do consumidor.

Ademais, segundo puideron constatar os técnicos sanitarios da Consellería ningún destes incumprimentos foi confirmado cunha segunda analítica antes das 24 horas de terse detectado, nin comunicado polo Concello de Vigo á autoridade sanitaria. Tampouco están dispoñibles estas analíticas de control en billa no Sistema de Información Nacional de Auga de Consumo (Sinac).

Autoridade sanitaria municipal

Neste senso, o delegado lembrou que a xestión do abastecemento correspóndelle á empresa municipal encargada do servizo, porén o control na billa do consumidor é competencia da Administración local que, de acordo coa Lei de Saúde Pública, “é autoridade sanitaria e, por tanto, responsable”. Ao fío, o representante autonómico lembrou que nas alegacións o propio Concello recoñece supostos de auga non apta. Así resumiu, “non se fixo a comprobación ás 24 horas, non se adoptaron medidas correctoras, non se analizaron as causas dos incumprimentos e non se comunicou nin á Xunta nin aos consumidores os sucesivos episodios de auga non potable”.

“É de extrema gravidade que, coñecendo estes resultados, o Concello non actuara”, dixo, e foi máis aló ao destacar que o alcalde “non atendeu as recomendacións e observacións dos técnicos municipais do laboratorio, que lle pediran que declarara a auga non apta para o consumo”.

Por todos os feitos expostos, a Xefatura Territorial da Consellería de Sanidade de Pontevedra determina a cuantificación provisional da sanción no importe de 21.520,26 euros por catro infraccións administrativas, tres delas tipificadas de carácter grave e outra de carácter leve. Isto é, 6.010,13 pola ausencia de certificación ou acreditación do Laboratorio Municipal, outros 6.010,13 pola falta de determinación de metais nas analíticas de control e 8.000 pola ausencia de notificación á autoridade sanitaria dos supostos constatados de auga non apta para o consumo. En canto a infracción leve, acorda a cantidade de 1.500 euros por non subministrar os datos ao Sinac.

O Concello contará cun prazo de 15 días, contados a partir do seguinte a aquel no que teña lugar a notificación, para aducir de novo alegacións.

Ciclo da auga: Saneamento

O delegado territorial aproveitou a súa comparecencia pública para referirse á recentemente inaugurada EDAR de Lagares, costeada polo Ministerio de Agricultura e Pesca, Alimentación e Medio Ambiente e a Xunta de Galicia, e “na que o Concello apenas ten participación directa”, afirmou.

Tras a confusión xerada entorno á achega anual de Vigo ao canon da auga, salientou que o cofinanciamento das obras da nova depuradora, que se estima nuns 75 millóns de euros, tardaríase en recuperar máis de 15 anos se Augas de Galicia non tivera máis investimentos na cidade. Ao fío, lembrou que esta taxa, antigo imposto chamado canon de saneamento, púxose en funcionamento no ano 2012 en aplicación do principio de recuperación de custos, recollido na Directiva Europea Marco da Auga, e que as tarifas establecidas son as mesmas para toda Galicia e dependen da auga que se consume.

De carácter finalista, aclarou, o canon financia única e exclusivamente as actuacións en materia de abastecemento, saneamento e explotacións de depuradores de augas residuais e xestión dos ríos. Asemade, subliñou que ten un papel multiplicador, xa que permite a cofinanciación de fondos europeos achegados polo Estado que permiten executar grandes infraestruturas como a EDAR de Vigo, que doutro xeito terían que ser financiadas directamente polos concellos, administracións competentes en materia de saneamento. “Cada euro do canon da auga gastado na cidade permite un investimento por un valor de dous euros”, dixo.

Concretamente, con este canon se está a financiar a xestión do dominio público hidráulico que fai Augas de Galicia e que afecta ao Concello de Vigo, como no río Lagares ou no río Oitavén e no encoro de Eiras e outros investimentos en infraestruturas. “É dicir, que o balance de ingresos e gastos sae a favor de Vigo, a pesares de ser a cidade máis poboada de Galicia”, sinalou.

Cómpre recordar que desde 2009 Augas de Galicia ten realizado outros investimentos en Vigo, ademais da EDAR, de máis de 7 millóns de euros, onde se inclúe a tubaxe que conecta o sistema de abastecemento de Vigo coa Península do Morrazo e que permite que Vigo poida seguir vendendo auga potable aos concellos de Cangas e Moaña, e o Plan Específico para a xestión das inundacións na ARPSI Lagares Vigo, a piques de iniciarse.

Ademais, nos vindeiros anos están previstos novos investimentos en Vigo e na súa área de influencia, para mellorar a calidade das augas da súa ría, como son a mellora do saneamento e depuración de Teis, onde está contemplado un investimento de 1 millón de euros, ou a mellora do saneamento e depuración de Arcade, de Vilaboa e Soutomaior, cun investimento duns 4 millóns de euros.