A Xunta ratifica o seu compromiso para aproveitar o talento científico e tecnolóxico das mulleres en condicións de igualdade

A secretaría xeral da Igualdade, Susana López Abella, mantivo hoxe un encontro de traballo coa directiva da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal) en Santiago de Compostela
Publicado por o día 21/01/2021 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta ratifica o seu compromiso para aproveitar o talento científico e tecnolóxico das mulleres en condicións de igualdade

A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, reuniuse hoxe en Santiago de Compostela, coa Xunta Directiva da Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas en Galicia (AMIT-Gal) presidida pola investigadora Ana Jesús López. Na xuntanza abordouse a situación das mulleres galegas no eido da ciencia e da tecnoloxía e avanzouse na posta e común de futuras liñas de traballo que a Xunta afrontará nos próximos meses; como o III Programa Galego de Muller e Ciencia co que se prevé avanzar na incorporación efectiva dos criterios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes no sistema galego de ciencia, tecnoloxía e innovación.

A Xunta está a iniciar os traballos previos á elaboración dun novo documento de traballo que suceda ao II Programa Galego de Muller e Ciencia co obxectivo de avanzar na incorporación efectiva dos criterios de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes aos ámbitos da ciencia, a tecnoloxía e a innovación. É unha prioridade do Goberno galego conseguir “un verdadeiro cambio de paradigma no mundo científico que permita acadar resultados tanxibles e duradeiros aproveitando tanto o talento das mulleres como dos homes”. Así o reflectiu hoxe a secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, na xuntanza coa directiva de AMIT coa que espera colaborar na consecución destas metas.

O programa Muller e Ciencia 2016-2020 permitiu ata o día de hoxe promover numerosas actividades en torno a tres eixos de traballo: o fomento dun cambio institucional e organizacional; a presenza equilibrada de homes e mulleres no sistema de ciencia, tecnoloxía e innovación; e a inserción da perspectiva de xénero en procesos e procedementos de traballo.

A entrega cada ano do premio María Josefa Wonenburger Planells -que este ano recaeu na investigadora Amparo Alonso- insírese entre as súas actividades, coa finalidade de recoñecer ás mulleres científicas de Galicia e facer chegar á sociedade as súas contribucións.

Tal e como destacou López Abella, en 2021 a Xunta continuará coas liñas de traballo abertas, coa idea reforzar a creación dun marco normativo que evite as discriminacións indirectas, traballando para modificar o sistema de crenzas e valores que sosteñen o androcentrismo e introducindo a perspectiva de xénero dos aspectos intanxibles que compoñen a cultura organizacional.

Seguirase a facer énfase, ademais, na integración transversal do principio de igualdade entre mulleres e homes nos principais procesos de traballo (planificación, execución, avaliación) e na redución das fendas de xénero e aumentar a participación das mulleres nas diferentes fases da actividade científica e investigadora.

Para estas tarefas a Secretaría Xeral de Igualdade considera fundamental o traballo colaborativo coas entidades que representan aos colectivos de investigadoras, tecnólogas e científicas como AMIT co que se comprometeu a abrir canles de colaboración e seguir en contacto.

Comentar noticia

Your email address will not be published.