A Xunta reafirma o seu compromiso humanitario cos refuxiados dos campamentos saharauís

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, acompañado polo director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo, participou hoxe na Conferencia Internacional de Cidades Solidarias co Pobo Saharauí
Publicado por o día 04/10/2019 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta reafirma o seu compromiso humanitario cos refuxiados dos campamentos saharauís

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, destacou hoxe na inauguración da Conferencia Internacional de Cidades Solidarias co Pobo Saharauí, o compromiso humanitario de Galicia co pobo do Sáhara Occidental e indicou que así seguirá a través da colaboración do Goberno galego coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí–Sogaps. Ao acto tamén acudiu o director xeral de Relacións Exteriores e coa UE, Jesús Gamallo.

A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí–Sogaps e a Federación Estatal de Institucións Solidarias co Pobo Saharauí (Fedissah) organizaron este ano por primeira vez este acto para impulsar a solidariedade e a cooperación humanitaria con este colectivo desde os concellos e o resto de institucións.

O vicepresidente da Xunta visitou en decembro do 2014 os campamentos de refuxiados saharauís no deserto alxeriano do Tinduf onde puido comprobar in situ as dificultades que atravesa desde hai máis de 40 este pobo, tanto na wilaya de Bojador como na casa sanitaria de Galicia destinada ao persoal médico.

Alfonso Rueda destacou que a solidariedade con este pobo non só se da por parte das institucións, senón tamén da cidadanía, como o demostran as familias galegas que, ano tras ano, cada verán acollen aos menores dos campamentos de refuxiados saharauís a través do programa “Vacacións en Paz” da asociación Sogaps.

A Xunta colabora coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharauí (Sogaps) na prestación de axuda sanitaria na wilaya de Bojador e na construción dun centro de cancro de mama na Daira 27 para mellorar a saúde e calidade de vida dos refuxiados na rexión de Tinduf e reducir a mortalidade infantil. A cooperación entre a Administración autonómica e a asociación permitiu nos últimos anos levar a cabo outros proxectos de emerxencia alimentaria e axuda sanitaria nos campamentos de refuxiados de Tinduf.

A cooperación entre ambas entidades enmárcase dentro do Plan Director da Cooperación Galega 2018-2021. Este plan identifica a acción humanitaria como unha prioridade e a poboación saharauí ten precisamente tamén a consideración de prioritaria, xa que un dos obxectivos da Cooperación Galega é contribuír na mellora das condicións de vida da poboación refuxiada, con especial atención aos nenos e nenas, mulleres embarazadas e persoas maiores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.