A Xunta recibe sete ofertas para o servizo de control de calidade da auga en captacións, emisións ao mar ou encoros na demarcación hidrográfica Galicia-Costa

Avaliaranse as emisións ao mar desde os ríos a través de 23 puntos de mostras e controlarase a calidade da auga en encoros pequenos mediante outros 7 puntos
Publicado por o día 14/01/2021 na sección de Galicia,Xunta de Galicia

A Xunta recibe sete ofertas para o servizo de control de calidade da auga en captacións, emisións ao mar ou encoros na demarcación hidrográfica Galicia-Costa

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, vén de recibir un total de 7 ofertas para acometer o servizo de control da calidade da auga en captacións, emisións ao mar ou encoros na Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa.

O contrato, licitado por un importe de case 1,6 millóns de euros, permitirá darlle continuidade ao programa de vixilancia que se vén desenvolvendo neste ámbito. O servizo terá unha duración de dous anos.

Os traballos prevén a elaboración previa dun plan de explotación e de informes por cada punto de mostraxe coa información xeorreferenciada asociada.

O contrato abrangue a toma de mostras, a análise en laboratorio dos parámetros de cada programa, a valoración dos resultados e a incorporación dos datos no Sistema Nacional de Intercambio de Información sobre o estado e calidade das augas continentais.

Programas

O servizo consta de tres programas, sendo o primeiro o de control de captacións de auga destinada ao consumo humano. Determinaranse 141 puntos de mostraxe en zonas designadas para a captación de auga para consumo que proporcionen un promedio de máis de 100 m³ diarios.

O segundo programa diríxese ao control de emisións ao mar, analizando as descargas indirectas a través dos ríos, segundo o Convenio Internacional para a protección do medio mariño na área de influencia do Atlántico Nordeste. Neste caso, fixaranse 23 puntos de mostraxe.

O terceiro programa está enfocado á vixilancia de encoros de menor capacidade, nos que mediante 7 puntos de mostraxe se efectuará o seguimento da calidade da auga.

Ademais, de forma complementaria, este contrato inclúe unha liña de control de praguicidas coa fin de controlar a contaminación de orixe difuso. Para este programa establécense uns 20 puntos de mostraxe.