A Xunta recomenda que as xuntanzas de Nadal se cingan exclusivamente a unha única unidade familiar de conviventes

De non ser posible, as autoridades sanitarias aconsellan non superar a cifra de dúas unidades familiares
Publicado por o día 16/12/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad

A Xunta recomenda que as xuntanzas de Nadal se cingan exclusivamente a unha única unidade familiar de conviventes

O conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, presentou esta mañá en rolda de prensa o conxunto de medidas acordadas na derradeira xuntanza do Comité clínico de cara á celebración das vindeiras festas de Nadal. Así, sinalou que a recomendación principal da Xunta de Galicia é que as xuntanzas das celebracións se cingan a unha única unidade familiar, composta exclusivamente por persoas conviventes.

García Comesaña puntualizou que no caso de non ser posible o cumprimento desta recomendación, o número máximo de unidades familiares aconsellado non debe exceder de dúas.

Por outra banda, no caso de reunirse persoas que pertencen a máis de dúas unidades familiares, o número de persoas adultas que se poden reunir non poderá exceder da cifra de 6. Sobre este último apuntamento, o conselleiro precisou que os nenos e nenas menores de 10 anos non computarían na contabilización global.

O responsable da carteira sanitaria galega explicou que “é preciso limitar ao máximo as interaccións sociais durante os vindeiros días, co obxectivo de atallar a expansión do coronavirus na comunidade galega”, destacando que, Galicia permanecerá pechada entre o 23 de decembro e o 6 de xaneiro, agás no caso de visitar aos familiares os días de celebración do Nadal, ou por motivos laborais, sanitarios ou educativos.

No que atinxe á mobilidade nocturna e aos horarios de regreso ao domicilio, os días 24 e 31 de decembro, o grupo de expertos que asesora ao Executivo galego fixou as 01,30 horas como límite para retorno ao fogar.

Decálogo de recomendacións para o Nadal

Co ánimo de optimizar as medidas de prevención e reducir ao máximo a expansión do virus Sars-COV-2 durante os festexos, o Comité clínico de expertos definiu un decálogo de medidas a ter en conta durante as vindeiras datas.

Así, e xunto coa recomendación de cinguir exclusivamente as xuntanzas navideñas a unidades de familiares de conviventes, aconsella que na medida do posible estas celebracións teñan lugar en espazos ao aire libre ou con boa ventilación, e en mesas de amplas dimensións.

O decálogo apunta que as mesas deben ser postas pola mesma persoa, quen ademais desinfectará as súas mans dun xeito continuo. Así mesmo, a totalidade dos comensais deberán manter a máscara durante a cea -sempre que sexa posible-, recomendando non compartir nin bebidas nin alimentos durante o festexo.

Nesta mesma liña, o conselleiro de Sanidade subliñou que as unidades familiares que se xunten nas noites do 24 e 31 de decembro deberán de ser as mesmas en ambos días, e non ter carácter rotatorio con outra familia.

Por último, o conselleiro de Sanidade lembrou que as persoas que visiten aos seus familiares durante as festas de Nadal, e procedan de territorios cun alta incidencia epidemiolóxica, teñen a obriga de inscribirse no rexistro de viaxeiros de Galicia, unha conxuntura que pode levar aparellada a realización dunha proba diagnóstica. Estas probas tamén serán extensivas a todos os estudantes que proveñan de fóra de Galicia, -independentemente do lugar de procedencia-, e incluso se lle realizara a aqueles que se desplacen polo interior da comunidade autónoma, sempre que se inscriban no rexistro de viaxeiros.

O titular de Sanidade apelou unha vez máis á responsabilidade cidadá e ao cumprimento das medidas e recomendacións establecidas, incidindo en que “debemos limitar ao máximo os contactos sociais fóra das unidades familiares”, pois ”non podemos tirar pola borda todo o traballo e esforzo que levamos realizado nestes meses”.

As medidas acordadas poderán ser obxecto de modificacións de acordo á evolución epidemiolóxica que rexistre a comunidade galega, así, cómpre lembrar que o vindeiro 21 de decembro volverá reunirse o Comité clínico.

Comentar noticia

Your email address will not be published.