A Xunta recoñece agora que a nova convocatoria MIR da resposta ás necesidades da sanidade de Galicia

Publicado por o día 12/09/2019 na sección de Política,PSOE

A Xunta recoñece agora que a nova convocatoria MIR da resposta ás necesidades da sanidade de Galicia

O portavoz de Sanidade do Grupo Socialista, Julio Torrado, celebrou hoxe que a Consellería de Sanidade recoñeza por fin que a nova convocatoria de prazas MIR fixada polo goberno Sánchez para Galicia, a maior da historia, da resposta ás necesidades desta Comunidade Autónoma “logo de anos de inacción”, subliñou. Así o dixo no debate dunha pregunta oral en Comisión sobre as prazas para a formación de médicos.

Os socialistas forzaron hoxe o recoñecemento do xerente do Sergas e emprazárono a “coller e abrir tódalas prazas” e mudar a xestión dos últimos dez anos nos que deixaron sen solicitar 150 prazas de Medicina Familiar e Comunitaria. Aínda máis, lembrou que o goberno de Feijóo tan só lles concede un contrato estable ao 15 por cento destes médicos en formación e reclamou ampliar esta porcentaxe para resolver o problema de alta precariedade laboral e baixa calidade asistencial.

Torrado puxo ao Sergas diante do espello da xestión de Rajoy, criticando que calaran cando aquel pasou das 363 prazas que concedeu Zapatero en 2012 a 308, 55 menos, e teñan criticado a xestión de Pedro Sánchez, que pasou das 404 prazas concedidas en 2018 ao maior MIR da historia, con 457.

Ademais, afeoulles que digan agora que solicitaran máis prazas ao goberno de Rajoy, unha reclamación que “non escoitou ninguén, cando as reclamacións ao goberno Sánchez escóitanse en Xibraltar”. Por non escoitar, dixo, “non o escoitou nin o goberno de Rajoy, que os bailou” reducindo as prazas de 381 a 376 entre os anos 2015 e 2016.

O parlamentario socialista puxo o acento sobre a necesidade destas prazas para recuperar o sistema, e os profesionais “padecen unha política laboral explotadora e unhas condicións inaceptables”. Criticou tamén a falla de previsión do goberno galego con respecto ao impacto das xubilacións na falla de médicos, que “en 10 anos de xestión foron incapaces de prever” a pesares das chamadas de alerta dende tódolos sectores.

Ironizou co feito de que “a Xunta decátase apenas un par de meses antes de que a xente se xubila ao chegar a determinada idade” e alertou de que “nun prazo de 3 a 5 anos vamos ter unha situación bastante problemática pola súa incapacidade de substituír profesionais”.