A Xunta recoñece o labor dos concellos da Veiga, Parada de Sil e Cervo na primeira edición dos Premios á Dinamización Demográfica

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, deu a coñecer hoxe o nome dos tres municipios premiados
Publicado por o día 13/01/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta recoñece o labor dos concellos da Veiga, Parada de Sil e Cervo na primeira edición dos Premios á Dinamización Demográfica

A directora xeral de Administración Local, Marta Fernández-Tapias, deu a coñecer hoxe as tres entidades locais que serán recoñecidas nos Premios á Dinamización Demográfica aos que a Xunta destinou 77.500 euros para a súa primeira edición. Os tres primeiros premios outorgáronse, por esta orde, aos concellos da Veiga, Parada de Sil e Cervo, polas súas medidas para xestionar o declive demográfico mediante o impulso e a revitalización da poboación no seu territorio.

O primeiro premio deste ano, dotado con 40.000 euros, recaeu no municipio da Veiga, pola posta en marcha de políticas transversais coas que reforzar o papel dos emprendedores e dinamizar a economía local, como o proxecto para poñer en marcha un viveiro empresarial a disposición dos veciños interesados en emprender no sector agrario.

A proposta da Veiga incide en eidos como o emprego, poñendo en valor produtos da zona como o mel, as fabas e os cogomelos das Montañas de Trevinca ou o fomento da plantación de novos soutos. Ademais, a rehabilitación de vivendas baleiras en desuso e de antigas casas-escola para alugueiro permitiu o traslado de varias familias ao municipio. Para potenciar o turismo da Veiga, o concello creou en 2017 o Centro de Visitantes ZEC Pena Trevinca e conta desde 2015 coa certificación como destino turístico Starlight pola excelente calidade do ceo. No ámbito de benestar social, habilitáronse axudas á natalidade e ao transporte, así como programas de conciliación e actividades de envellecemento activo.

O segundo galardón desta edición, cunha contía de 25.000 euros, foi parar ao municipio de Parada de Sil. A iniciativa presentada por este concello busca o asentamento de novas familias e xente nova a través da rehabilitación dun grupo de casas en ruínas no núcleo de Fondevila para emprazar cinco vivendas unifamiliares. Para fomentar a conciliación laboral e familiar, o concello propón a reforma dunha antiga construción para albergar un espazo de coidado e casa de lecer para nenos menores de 10 anos en períodos vacacionais e tamén na época escolar para os nenos en idade previa á escolarización obrigatoria.

Por último, o concello de Cervo foi recoñecido co terceiro premio, para o que se fixou un importe de 12.500 euros. O proxecto de dinamización demográfica deste municipio inclúe medidas que contribúen ao asentamento das familias no municipio como a rehabilitación de inmobles para crear espazos de traballo destinados aos novos emprendedores; a organización de encontros de dinamización empresarial que fomenten o espírito emprendedor entre a mocidade, como o programa Revívate dirixido aos mozos de Sargadelos; a posta en marcha de axudas á escolarización ou de becas de formación remuneradas a titulados universitarios ou de Formación Profesional; a ampliación do programa de conciliación da vida persoal, familiar e laboral; ou actividades de voluntariado cultural tanto para a xuventude como para os maiores de 55 anos. O Concello de Cervo tamén conta desde 2015 cunha escola infantil municipal que na actualidade dispón de 53 prazas e xestiona o servizo SAF Básica para as persoas que non teñen recoñecida a dependencia pero precisan axuda a domicilio.

Coa primeira edición destes premios, a Xunta busca visibilizar e recoñecer as boas prácticas das entidades locais de menos de 20.000 habitantes para afrontar o reto demográfico que poidan aplicarse noutros municipios da nosa comunidade. Desta forma, o xurado tivo en conta que as iniciativas ou proxectos piloto incluísen medidas de apoio ás familias, á mocidade, á conciliación familiar, ao retorno e á atracción de nova poboación, á promoción do envellecemento activo e saudable ou á creación do marco necesario para o asentamento da poboación no medio rural.

Comentar noticia

Your email address will not be published.