A Xunta reforza a atención ás vítimas de violencia de xénero cun servizo de garda psicolóxica especializada e permanente para as mulleres que a sofren e para os fillos e fillas menores

Feijóo destacou a aprobación íntegra do Plan de actuación para a implantación en Galicia das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero
Por o 28/03/2019 | Sección: Social,Xunta de Galicia
A Xunta reforza a atención ás vítimas de violencia de xénero cun servizo de garda psicolóxica especializada e permanente para as mulleres que a sofren e para os fillos e fillas menores

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe un novo paso para mellorar a atención ás vítimas de violencia de xénero, cun servizo de garda psicolóxica especializada e permanente para as mulleres que a sofren e para os fillos e fillas menores.

Na rolda de prensa do Consello, Feijóo precisou que este novo convenio de colaboración co Colexio Oficial de Psicoloxía de Galicia contará cunha achega de 350.000 euros, consolidando así un programa que se concibiu a finais de 2018, cun importe inicial de 30.000 euros.

Esta medida activarase cunha chamada ao teléfono de información ás mulleres: 900 400 273, que pode ser realizada -24 horas, 365 días ao ano- pola propia vítima ou polas forzas e corpos de seguridade do Estado. Desde este teléfono poñeranse en contacto coa persoa da quenda de garda correspondente para garantir a presenza inmediata dun psicólogo ou psicóloga no lugar sinalado polas forzas e corpos de seguridade do Estado.

Ademais deste convenio, recollido no Plan de actuación para a implantación na Comunidade das medidas do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero para garantir o dereito á asistencia social integral, o responsable do Goberno galego destacou a aprobación íntegra do plan, que inclúe 61 medidas centradas en mellorar a resposta que se dá ás vítimas, tanto no eido da prevención como en relación á sensibilización, á asistencia e á protección aos menores. O presidente da Xunta detallou que 24 iniciativas reforzan medidas xa existentes e que están en funcionamento e 37 son medidas novas.

Dentro das medidas consideradas prioritarias, Feijóo destacou o apoio psicolóxico e social inmediato; o reforzo da rede de acollemento; iniciativas de axuda ao alugueiro; o apoio á inserción laboral ou o reforzo da formación das persoas profesionais.

O titular da Xunta resaltou, tamén, a posta en marcha de novas liñas de axudas a concellos, asociacións de mulleres, asociacións de pais e nais do alumnado e axudas aos clubs de base para o desenvolvemento de campañas específicas en espazos deportivos. Así mesmo, realizaranse campañas especificamente dirixidas á mocidade e ás mulleres do rural; poñeranse en marcha programas de prevención da violencia de xénero nas actividades de dinamización das bibliotecas municipais e da rede pública; e o voluntariado xuvenil incorporará unha nova liña específica de prevención e sensibilización en violencia de xénero. “E colaboraremos coas tres universidades galegas mediante as súas oficinas de igualdade e coas Federacións galegas de deportes para difundir as campañas nos equipamentos do colectivo arbitral”, engadiu.

No eido da asistencia e protección ás vítimas, Feijóo destacou novas medidas como “o apoio aos menores orfos e ás vítimas gravemente feridas; a inclusión de traballadores e traballadoras sociais nas 7 Oficinas de Atención a Vítimas nos xulgados; e programas de fomento de contratación a vítimas de violencia de xénero”.

Por último, e dentro das iniciativas xa implantadas, o presidente do Goberno galego aseverou que se reforzará, ademais da quenda de garda psicolóxica: os contratos programa e vías de colaboración con centros educativos; a rede de acollemento para vítimas e os seus fillos e fillas e a extensión do bono de alugueiro a todas as vítimas no programa de alugueiro, entre outras.

Comentar noticia

Your email address will not be published.