A Xunta reforza a seguridade dos xulgados de Lalín con novas cámaras e sistemas de gravación

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe as instalacións para comprobar as melloras realizadas
Publicado por o día 01/08/2019 na sección de Galicia,Lalín

A Xunta reforza a seguridade dos xulgados de Lalín con novas cámaras e sistemas de gravación

O director xeral de Xustiza, Juan José Martín, visitou hoxe os xulgados de Lalín para coñecer de primeira man as melloras acometidas pola Xunta para mellorar a seguridade destas instalacións. En concreto, instalouse un novo sistema CCTV, dotado de 16 cámaras (9 interiores e 7 exteriores), 1 monitor de 24 polgadas, 1 gravador, 2 discos duros, 1 SAI, cun investimento que supera os 18.000 euros.

A Xunta está a realizar un esforzo moi importante para mellorar os recursos que están a disposición da Administración de Xustiza en Galicia. Así, en 2010 aprobou un ambicioso Plan de infraestruturas xudiciais, que supuxo o investimento de preto de 100 millóns de euros para acometer tanto grandes proxectos como outras obras, de menor magnitude, pero moi relevantes de cara á mellora das instalacións.

Agora, o Goberno galego está a completar este Plan cun proxecto de renovación do mobiliario, que ten previsto un investimento duns 5 millóns de euros entre 2019 e 2021; e co proxecto de mellora da seguridade nos edificios xudiciais, que inclúe actuacións como a visitada hoxe en Lalín.

No marco deste último proxecto, comezouse a abordar unha primeira fase para a instalación ou renovación das cámaras de vixilancia nun total de 16 edificios xudiciais en Galicia, cun investimento superior aos 200.000 €. Esta primeira instalación, xa rematadas, comprendeu tanto edificios xudiciais das cidades (Coruña, Santiago, Lugo, e Pontevedra), como edificios dos partidos xudiciais das vilas que contan cun número maior de órganos xudiciais (Betanzos, Carballo, Cangas, Vilagarcía, Cambados, Porriño e Ponteareas, e o novo edificio de Tui cando estea rematado).

Comentar noticia

Your email address will not be published.