A Xunta reforza o orzamento das universidades cun novo fondo de 10 M€ destinado a iniciativas de innovación e dixitalización

A UVigo aposta pola internacionalización dixital, coa captación de alumnos ‘en remoto’ no estranxeiro, renovación e implantación dun sistema integral

A Xunta e as tres universidades galegas pecharon hoxe o reparto dun novo fondo de 10 millóns de euros adicionais que se incorporan aos orzamentos da Comunidade Autónoma en 2021 e que suporá un importante impulso á innovación e dixitalización das infraestruturas e servizos dos sete campus do Sistema Universitario Galego (SUG).

O conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, mantivo esta mañá unha reunión de traballo cos reitores da USC, Antonio López; da UDC, Julio Abalde, e da UVigo, Manuel Reigosa, para pechar a estruturación das accións a levar a cabo con cargo a este fondo e que quedarán plasmadas de xeito pormenorizado nun convenio de colaboración entre as partes, que se materializará proximamente.

O conxunto de accións previstas cínguense aos ámbitos específicos da innovación e a dixitalización tanto en infraestruturas como en servizos, o que suporá un impulso da modernización universitaria en Galicia de cara aos próximos anos.

Distribución a tres bandas

Segundo se acordara xa en anteriores xuntanzas, o criterio de reparto establécese en base ao peso dos créditos de matrícula auditados para cada unha das universidades no período 2019-21. Deste xeito, a USC, cun porcentaxe de crédito do 40,4% sobre o total, recibirá 4,04 millóns de euros, mentres que á UVigo lle corresponden 3,16 millóns de euros (31,6% dos créditos) e á UDC 2,8 millóns (28% dos créditos).

Á falta das especificacións concretas que quedarán plasmadas no convenio, no que atinxe ás propostas achegadas polas universidades, a Universidade de Santiago de Compostela centrará o investimento na adecuación das infraestruturas aos cambios dixitais, o que abrangue a nova Facultade de Medicina e a licitación do proxecto básico do edificio de Ciencias da Saúde. Así mesmo, daralle un impulso á administración electrónica mediante a dixitalización de expedientes administrativos.

Pola súa parte, a Universidade da Coruña (UDC) centrará as súas melloras na área de dixitalización (sistemas de videoconferencia, accesos remotos, ciberseguridade) potenciando a conectividade e compatibilizando a docencia presencial e non presencial; a renovación tecnolóxica dos servizos centrais e o equipamento informático dos centros docentes e a potenciación da administración electrónica. Así mesmo, entre as súas propostas está a de incidir na formación do persoal en competencias dixitais e recursos electrónicos.

No que respecta á Universidade de Vigo (UVigo), aposta pola implantación dun sistema de administración electrónica integral da universidade, a renovación tecnolóxica de infraestruturas e a internacionalización dixital impulsando a captación de alumnos en remoto no estranxeiro.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM