A Xunta reitera a súa aposta por impulsar actuacións de calado para garantir o abastecemento de auga a Vigo a medio prazo mediante a declaración de obras de interese xeral do Estado

O sistema de abastecemento na área de Vigo precisa actuacións planificadas e con garantías de financiamento para evitar que se produza un risco reiterado de desabastecemento no contexto de cambio climático
Publicado por o día 23/10/2018 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta reitera a súa aposta por impulsar actuacións de calado para garantir o abastecemento de auga a Vigo a medio prazo mediante a declaración de obras de interese xeral do Estado

A Xunta de Galicia salienta que modificar o caudal ecolóxico de Eiras é unha medida insuficiente para garantir o abastecemento a medio e longo prazo na comarca de Vigo.

Fronte a isto, a Consellería de Infraestruturas e Vivenda lembra a postura do Goberno galego favorable a que as actuacións necesarias para garantir o abastecemento a medio e longo prazo en Vigo sexan declaradas obras de interese xeral do Estado.

Esa demanda baséase no feito de que o sistema de abastecemento da área de Vigo necesita solucións de maior calado que que supón a modificación dos caudais ecolóxicos. Esas medidas deben planificarse coa anticipación suficiente e dotarse de garantías de financiamento para evitar que se produza un risco reiterado de desabastecemento no contexto do cambio climático.

O Goberno galego destaca que a actual situación do encoro de Eiras, que se atopa por riba do 60% da súa capacidade, non xustifica a modificación do caudal ecolóxico, unha medida que sería, en todo caso, insuficiente en caso de seca.

Sen embargo, a Xunta lembra a clamorosa necesidade de actuar na potabilizadora municipal tras evidenciarse durante o episodio de seca do ano pasado que esa instalación é incapaz de tratar a auga para o consumo cando o encoro de Eiras baixa do 40% da capacidade.

Son esas graves deficiencias da estación potabilizadora as que motivan a preocupación polo abastecemento de auga en Vigo mesmo cando non escasea a auga, como é o caso da actualidade.