A Xunta reitera ao goberno central a súa demanda para que dea continuade ao protocolo de colaboración no control das zonas de producción de moluscos bivalvos

A titular de Mar lembrou que este protocolo xurdiu a raíz dunha reunión que mantivo en xaneiro do ano pasado co anterior director xeral da DG Sante da Unión Europea, quen sinalou a posibilidade desa colaboración entre o Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Marinas de Vigo e o Intecmar
Publicado por o día 28/02/2019 na sección de Mar

A Xunta reitera ao goberno central a súa demanda para que dea continuade ao protocolo de colaboración no control das zonas de producción de moluscos bivalvos

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, insistiu hoxe no Parlamento na demanda da Xunta ao Goberno central para que dea continuidade á tramitación do protocolo de colaboración no control das zonas de produción de moluscos bivalvos. Esta solicitude foi trasladada á propia ministra de Sanidade a través dunha misiva.

Nesta colaboración, subliñou a titular de Mar, “cremos que ademais da Universidade de Vigo debe figurar, o Intecmar, un centro que posúe unha ampla traxectoria de apoio e colaboración co Laboratorio Comunitario de Referencia”.

A titular de Mar lembrou que este protocolo xurdiu a raíz dunha reunión que mantivo en xaneiro do ano pasado en Bruxelas co anterior director xeral da DG Sante da Unión Europea, Xavier Prats, quen sinalou a posibilidade desa colaboración entre o Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Marinas de Vigo e o Intecmar. Esta xuntanza tivo lugar despois de que se coñecese que recaía en Galicia a parte máis importante dese laboratorio europeo de referencia, ubicado no Reino Unido; unha circunstancia que se producía como unha das consecuencias da decisión deste país de abandonar a Unión Europea.

En relación á visita realizada no mes de xaneiro pola ministra de Sanidade María Luisa Carcedo ao Laboratorio Nacional de Referencia de Biotoxinas Marinas de Vigo, á que non foi convidada a Xunta, Rosa Quintana sinalou que “o que anunciou a Ministra de Sanidade durante a visita xa o sabiamos desde o ano pasado”.

Neste sentido, a conselleira lembrou que a ministra destacou nesta visita a importancia que cobra o Laboratorio Nacional de Referencia ao asumir importantes competencias.

Un feito, engadiu Rosa Quintana, “que vimos sinalando desde o momento que se coñeceu esta designación con motivo do brexit, a pesar de que desde Galicia sempre defendemos que queríamos a totalidade das áreas do laboratorio comunitario de referencia”.

Non obstante, engadiu a titular de Mar, “desde Galicia temos que agradecerlle ao Goberno central a súa adhesión ao recoñecemento da boa noticia que supón para España e Galicia a asunción por parte do sinalado laboratorio desta nova tarefa”.