A Xunta remata o ano con máis de 60.000 dependentes atendidos e afrontará no 2019 o incremento das axudas para coidados

Nove de cada dez dependentes recoñecidos desfrutan do servizo ao que teñen dereito
Publicado por o día 19/12/2018 na sección de Social

A Xunta remata o ano con máis de 60.000 dependentes atendidos e afrontará no 2019 o incremento das axudas para coidados

A conselleira de Política Social, Fabiola García, fixo fincapé no impulso da Xunta á atención á dependencia que permitiu cumprir en só dous anos un obxectivo fixado inicialmente para toda a lexislatura, acadando a día de hoxe a cifra récord de 60.077 persoas atendidas na comunidade. Fabiola García fixo balance do sistema de prevención e coidados a dependentes durante unha visita á residencia Volta do Castro, na que reafirmou o compromiso do seu departamento autonómico de seguir a mellorar os recursos e axudas dirixidos aos dependentes e ás súas familias.

Durante a súa intervención, a conselleira destacou que, segundo datos oficiais do Portal de Dependencia do Goberno central, en Galicia preto de 9 de cada 10 persoas que teñen a súa dependencia recoñecida desfrutan do servizo ao que teñen dereito. Isto supón que na actualidade a ratio de cobertura ascende ao 88,5%, o que supón unha mellora porcentual de cinco puntos nos últimos once meses. Así mesmo, este elevado índice de atención coloca a Galicia no cuarto posto do ránking das 17 comunidades autónomas.

Tamén salientou a redución da lista de espera en máis de 4000 persoas entre xaneiro e novembro deste ano, o que representa unha caída do 34,4%. De tal xeito que hoxe en día a cifra de persoas dependentes sen atender é de 7779, que constitúen a máxima prioridade para a Consellería. Neste sentido, referiuse ás novas medidas que se están a implantar como a ampliación do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a implantación do Bono Autonomía en Residencia ou a próxima entrada en funcionamento das Casas do maior en concellos rurais.

Fabiola García asegurou que se este ano 2018 chegamos á marca histórica dos 60.000 dependentes con atención, o que vén será o do incremento das axudas que reciben as familias por dependencia, unha medida da que se beneficiarán 19.000 galegas e galegos.