A Xunta remite o expediente favorable para que a Reconquista de Vigo sexa Festa de Interese Turístico Nacional

O Goberno galego culmina así o proceso de permanente e incondicional colaboración que vén realizando nos últimos anos para lograr o recoñecemento
Por o 14/05/2019 | Sección: Cultura,Galicia,Turismo,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta remite o expediente favorable para que a Reconquista de Vigo sexa Festa de Interese Turístico Nacional

A Xunta de Galicia vén de enviar ao Ministerio de Industria, Comercio e Turismo o expediente favorable para que a Festa da Reconquista de Vigo sexa declarada Festa de Interese Turístico Nacional, culminando así o proceso emprendido durante os últimos anos, que o Goberno galego vén apoiando de xeito decisivo e permanente e dando pasos conxuntos para que a celebración acade este recoñecemento.

Co envío do informe favorable, o procedemento alcanza xa a súa etapa final e será agora o Goberno central o encargado de proceder á declaración, convertendo así a Festa da Reconquista na primeira celebración da cidade de Vigo que acade este recoñecemento e na quinta da provincia de Pontevedra.

A Festa da Reconquista é exemplo de como as festas galegas son un dos maiores patrimonios turísticos cos que conta Galicia. Trátase dunha das celebracións de recreación histórica máis destacadas da Comunidade na que se conmemora a invasión e posterior expulsión do exército de Napoleón, feitos coñecidos popularmente como Reconquista. Sobre este trasfondo histórico, a veciñanza do casco antigo da cidade de Vigo participa de forma activa na organización das festividades recreando e divulgando estes acontecementos.

 

A primeira de Vigo

Se o Goberno central ratifica o informe favorable enviado pola Xunta de Galicia, a Festa da Reconquista sería a primeira da cidade en conseguir este recoñecemento e uniríase ás dez festas de Interese Turístico Nacional coas que conta a Comunidade: o Cocido de Lalín; a Exaltación do Marisco, no Grove; as Festas Patronais de San Roque, en Vilagarcía de Arousa, e a Festa da Lamprea, en Arbo, todas elas na provincia de Pontevedra.

Tamén é de Interese Turístico Nacional a Romaría de Nosa Señora da Barca, na provincia da Coruña; o Arde Lucus e as Festas do San Froilán, en Lugo, e a Festa da Istoria, o Entroido de Verín e a Festa do Polbo do Carballiño, na provincia de Ourense.

Comentar noticia

Your email address will not be published.