A Xunta renova o seu compromiso e apoio ás federacións de veciños de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe o convenio de colaboración coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave) e con catro das súas federacións
Publicado por o día 29/08/2019 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta renova o seu compromiso e apoio ás federacións de veciños de Galicia

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, asinou hoxe o convenio de colaboración coa Confederación Galega de Asociacións Veciñais (Cogave) e con catro das súas federacións por un importe de 65.000 euros, renovando así o apoio e compromiso do Goberno galego ao funcionamento das federacións veciñais de Galicia.

Alfonso Rueda amosou a súa satisfacción por rubricar este convenio cunha entidade que reúne á meirande parte das federacións veciñais de Galicia e coa que a Xunta mantén a colaboración e unha interlocución fluída nos últimos anos. O vicepresidente da Xunta destacou a importancia de colaborar coas asociacións veciñais, debido ao importante papel que desempeñan na vertebración da vida local dos concellos, así como na dinamización das súas zonas, na mellora da convivencia colectiva e na participación cidadá. Ademais, son o ámbito máis próximo á veciñanza para que os cidadáns poidan trasladar as súas necesidades e suxestións ás Administracións.

A través deste acordo, a Xunta concede 65.000 euros para financiar a programación e o desenvolvemento de actividades propias e gastos de funcionamento da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana, a Federación de Asociacións de Veciños Lucus Augusti de Lugo, a Federación de Asociacións de Veciños Limiar de Ourense e a Federación de Asociacións de Veciños Castelao de Pontevedra, englobadas en Cogave, e da propia confederación.
A Confederación Galega de Asociacións Veciñais Rosalía de Castro ten como obxectivo prioritario dinamizar o movemento veciñal de Galicia, dando os servizos que as federacións de veciños demandan para garantir o funcionamento asociativo e as melloras necesarias para o seu desenvolvemento óptimo, o que repercute de xeito directo na cidadanía galega.

A Administración autonómica conta con outras medidas a prol do asociacionismo veciñal como as subvencións que desde 2016 concede no marco do Plan especifico de acción comunitaria para asociacións veciñais, comunidades de usuarios de augas e asociacións de mulleres rurais de Galicia. Na última convocatoria de 2019 a Xunta reservou 1,5 millóns para estas axudas, un 50% máis que o investimento do ano anterior.