A Xunta reparte 400 batas e máscaras entre 14 centros de acollida de animais xestionados por entidades protectoras

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda fixo entrega esta semana do material, coincidindo coa reapertura ao público destes centros, nos que xa se permiten de novo as adopcións
Publicado por o día 13/05/2020 na sección de Coronavirus,Medio Ambiente,Xunta de Galicia

A Xunta reparte 400 batas e máscaras entre 14 centros de acollida de animais xestionados por entidades protectoras

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda vén de repartir esta semana 200 batas e 200 máscaras de protección entre o persoal de 14 centros galegos autorizados para a recollida de animais abandonados e que están xestionados directamente por algunha entidade protectora.

A medida coincide, precisamente, coa reapartura ao público destas instalacións, xa que coa entrada en vigor da fase 1 o pasado luns, puideron volver abrir as súas portas e retomar procedementos como as adopcións, que se viran paralizados nas últimas semanas a consecuencia do estado de alarma.

As batas entregadas pola Consellería, procedentes dunha doazón do grupo empresarial Valtalia, están fabricadas a partir de plástico reciclado, especialmente concibidas para tarefas de desinfección e que actúan como unha segunda capa protectora de roupa. No lote tamén se incluíron 200 máscaras adquiridas pola Xunta.

Cómpre lembrar que a finais do pasado mes de abril o Goberno galego contratou con carácter de urxencia o subministro de alimentos a aquelas asociacións de protección e defensa dos animais debidamente rexistradas e que xestionaban nese momento algún centro autorizado para a recollida de animais na comunidade. En total, repartíronse 18.000 quilogramos de penso cos que se garantiu o coidado e manutención dos case 2.300 cans e gatos abandonados que teñen baixo a súa tutela en Galicia.

Estas entidades tamén sufriron o impacto da crise provocada polo COVID-19, polo que se estimou oportuno colaborar con elas deste xeito, co fin de garantir a cobertura das necesidades básicas dos animais aos que acollen e coidan. As restricións impostas durante o estado de alarma, de feito, limitaron os ingresos das asociacións protectoras, xa que, por un lado, unha porcentaxe importante dos mesmos procede da realización de eventos e actividades incompatibles coas medidas de confinamento fixadas polo Estado; e por outro, tamén se incrementaron os tempos de estadía dos animais nas súas instalacións e, por tanto, os custos de alimentación, ao suspenderse as adopcións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.