A Xunta repartirá 250.000 novas máscaras hixiénicas entre o profesorado para cubrir as necesidades ata final de curso

O conselleiro de Educación presidiu a xuntanza do Comité Educativo, ao que informou de que serán distribuídas a partir da vindeira semana
Publicado por o día 15/01/2021 na sección de Educación,Xunta de Galicia

A Xunta de Galicia vai distribuír desde a próxima semana un total de 250.000 máscaras hixiénicas reutilizables entre o profesorado galego, co obxectivo de cubrir as necesidades dos docentes ata final de curso. Trátase dun envío que se suma ao feito ao inicio de curso e que se poderá complementar con novas achegas en función das solicitudes de aqueles centros que detecten algunha necesidade.

O material, en paquetes de cinco unidades homologadas de 25 lavados cada unha, será distribuído neste inicio do segundo trimestre, segundo informou o conselleiro de Cultura, Educación e Universidade, Román Rodríguez, na reunión do Comité Educativo.

Nesta primeira toma de contacto tras as vacacións de Nadal, o conselleiro fixo un chamamento a manter os esforzos para que os centros escolares sigan a ser lugares seguros fronte á pandemia como se confirmou durante o primeiro trimestre do curso.

Román Rodríguez expuxo que os datos recollidos durante o período non lectivo de Nadal constatan unha suba dos casos activos que se produciron fóra das aulas e que, polo tanto, “reflicten que os contaxios se producen, sobre todo, fóra do horario lectivo”. Non obstante, sinalou que “estamos ante unha situación crítica no conxunto da sociedade e a comunidade educativa non é allea a esta dinámica”, polo que é necesario “no baixar a garda” e seguir aplicando “coa máxima rigorosidade” todos as medidas e protocolos establecidos. Neste senso, loou o compromiso e a responsabilidade amosada tanto polo profesorado como polo alumnado, as súas familias e o persoal non docente, e que vai seguir continuando neste trimestre.

Asesoramento fronte á covid

Así mesmo o conselleiro informou ao Comité Educativo da nova ferramenta de ventilación elaborada por investigadores da Facultade de Física da USC co fin de mellorar o confort térmico nas aulas e que xa está a disposición dos centros.

Na xuntanza tamén se abordaron outras cuestións como a implementación dun asesoramento específico sobre riscos laborais vinculados á covid-19 de xeito que os membros da comunidade educativa poidan resolver todas as dúbidas que xurdan nos centros en cuestións como os plans de continxencia, o uso de máscaras ou de EPIs entre outros.

Comentar noticia

Your email address will not be published.