A Xunta leva resoltas o 80 por cento das solicitudes de axuda presentadas en materia de vivenda por parte dos afectados pola explosión da pirotécnica de Paramos. O importe do conxunto das solicitudes concedidas ascende a 2,93 millóns de euros.
O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, que se achegaron hoxe a Tui, acompañados do delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, mantiveron unha xuntanza coa plataforma de afectados pola explosión da pirotécnia, para coñecer de primeira man a situación e necesidades dos afectados e facer balance das axudas postas en marcha pola Xunta.
Dende o primeiro momento a Xunta estivo cos afectados, traballando de inmediato na extinción e na atención aos feridos e a continuación habilitando medidas para paliar no posible os danos producidos e apoialos. A Xunta tamén se comprometeu en trasladar as súas reclamacións a outras administracións para que se impliquen na recuperación, tal e como pediu o presidente da Xunta na súa reunión co presidente do Goberno. Nesta liña, Alfonso Rueda destacou a importancia que ten, en situacións de emerxencia como a ocorrida en Paramos, a implicación de todas as Administracións con competencias na materia.
Así, o vicepresidente pediu ao goberno central que detalle as medidas de apoio aos afectados, xa que seguen sen concretarse, mesmo unha vez aprobada a declaración de zona gravemente afectada por emerxencia de protección civil. Por exemplo, Rueda fixo especial fincapé nas exencións fiscais dos beneficiarios das axudas.
Axudas vivenda
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, recordou que a semana pasada rematou o prazo para a presentación de solicitudes, que a Xunta habilitou para paliar os danos materiais que se produciron nas vivendas, e enxoval doméstico, e para o aloxamento provisional para os afectados pola explosión pirotécnica de Paramos, en Tui. En total recibíronse case 150 solicitudes e, na actualidade, xa se teñen concedido un 80% das mesmas.
O importe das axudas para o aloxamento ascende a case 120.000 euros, que custeará os gastos de alugueiro da vivenda para aquelas persoas que tiveron que abandonar o seu fogar habitual de forma temporal, así como outros gastos complementarios derivados da formalización dun contrato de alugueiro, como a fianza ou darse de alta nos contratos de subministros.
No caso das axudas para reparación de vivendas e enxoval doméstico, estas están dirixidas a propietarios, usufrutuarios ou arrendatarios que residían de forma habitual e permanente ou de forma ocasional nas vivendas danadas pola explosión. Tal e como explicou a conselleira, as axudas tamén comprenden os danos causados nas construcións anexas e instalacións complementarias da vivenda danada, como pozos, hórreos, alpendres, invernadoiros para autoconsumo ou instalacións eléctricas, entre outros. O importe do conxunto das solicitudes concedidas ascende a 2,93 millóns de euros, dos que xa se abonaron case 2 millóns dos concedidos.
Vázquez Mejuto sinalou que a Xunta -a través do IGVS- non podía actuar doutro xeito que non fora estar en contacto permanente e ofrecer un servizo de asesoramento aos afectados, co fin de facilitarlle os trámites de presentación das solicitudes de axudas, así como a persoal técnico para inspeccionar os bens afectados.
Durante a xuntanza, tamén se garantiu a atención psicolóxica a quen non se pode desprazar ata Vigo. Por iso, mañá desprazarase ata Tui o xefe do servizo de Psiquiatría do hospital Álvaro Cunqueiro para avanzar na coordinación deste recurso.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.