A Xunta resolveu xa o 40% das solicitudes de axuda polos danos causados pola explosión da pirotécnica de Tui

Das 37 solicitudes presentadas xa se resolveron 15, das que 7 corresponden a alugueiro e 8 a danos nas edificacións
Por o 27/06/2018 | Sección: Galicia,Tui,Xunta de Galicia
A Xunta resolveu xa o 40% das solicitudes de axuda polos danos causados pola explosión da pirotécnica de Tui
Compartir en:

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o director xeral do Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Heriberto García, mantiveron unha reunión esta mañá co alcalde de Tui, Carlos Vázquez Padín, para analizar as axudas aprobadas ata o momento en relación a explosión da pirotécnica de Paramos, e que xa supoñen o 40% do total presentado polos damnificados.

Deste xeito, a Xunta de Galicia xa concedeu as primeiras 15 axudas a afectados pola explosión de material pirotécnico rexistrada en Paramos (Tui) e traballa con dilixencia para atender no menor tempo posible as restantes 22 solicitudes presentadas ata o momento.

Das 37 solicitudes presentadas, xa se resolveron 15,das que 7 corresponden a axudas ao alugueiro e 8 a axudas para a rehabilitación de vivenda.

Con carácter xeral, o Instituto Galego da Vivenda e Solo está resolvendo as solicitudes no prazo dunha semana dende a súa presentación. “De feito, os afectados que xa teñen a solicitude aprobada só deben solicitar o pago anticipado da axuda para recibir os cartos e poder acometer as reformas necesarias”, explicou Heriberto García, quen asegurou que, “das oito solicitudes aprobadas para danos en vivendas, sete xa solicitaron onte o anticipo, polo que nos próximos días recibirán xa o ingreso”.

As 7 axudas para alugueiro resoltas inclúen o pago do alugueiro da vivenda arrendada, ademais dunha axuda para o pago de gastos de contrato. O importe destas axudas ascende a 31.350 euros. No caso de danos en vivendas, a contía das axudas solicitadas é de 381.285 euros.

Tal como establece a Orde de convocatoria as axudas da Xunta poden chegar a cubrir a totalidade dos danos causados pola explosión e ao mesmo tempo son compatibles coas que se poidan percibir do estado, o concello e calquera outro organismo, ademais das indemnizacións pagadas polos seguros.

Por outra parte, o importe de axudas establecidas pola Xunta de Galicia, que chegan aos 126.000 euros por vivendas, son moi superiores ás establecidas tanto polo concello como polo Goberno de España e mesmo as multiplican varias veces.

As axudas de rehabilitación cobren todos os gastos que xa se teñan realizado así como calquera tipo de honorarios de técnicos que sexan necesarios. Os interesados poderán solicitar o pagamento da axuda por anticipando, de maneira que non teñan que incorrer en ningún gasto.

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, pola súa banda, quixo recordar a necesidade de que as administracións centrais e provinciais tamén colaboren nas axudas extraordinarias para os damnificados, lamentando que “volve a suceder o que xa pasou en relación as axudas polos incendios do pasado mes de outubro”.

“Especialmente importante é que a Deputación de Pontevedra colabore no desentullo, xa que estamos a falar dunha institución que conta con maquinaria e que podería facilitar esta labor, esencial para poder iniciar a reconstrución”, explicou Cores Tourís, quen lamentou que “se esta a dicir dende esta administración que os cartos se destinen de partidas xerais aprobadas para o concello de Tui, xa que isto suporá que o concello teña que suspender obras ou mellores noutros lugares da localidade para destinala a parroquia de Paramos. A Deputación, como fixo a Xunta, ten que destinar partidas extraordinarias para os veciños afectados polo sinistro da pirotecnia, e agardamos que así o faga canto antes”.

Documentación

A documentación que os solicitantes deben acompañar á solicitude das axudas establecidas pola Xunta é moi sinxela, aparte de que as axudas non están vinculadas aos ingresos da unidade familiar.

No caso das axudas para alugueiro basta con presentar copia do contrato, ademais da solicitude.

Para as axudas de danos nas vivendas, ademais da solicitude, basta con achegar unha memoria valorada dos danos e a documentación que acredite a titularidade da vivendas.

Apoio na tramitación de axudas

Para facilitar a presentación de solicitudes e os trámites que teñen que facer os afectados, o Instituto Galego da Vivenda e Solo mantén un equipo de persoas traballando a diario en Tui, atendendo aos afectados pola explosión por unha parte e realizando inspeccións nas vivendas afectadas por outra.

Os técnicos do IGVS que están traballando a diario en Paramos xa realizaron 131 visitas de inspección a edificacións afectadas pola explosión, para acreditar os danos causados en cada unha das edificacións.

Polo tanto, tal e como recordaron o director do IGVS e o delegado da Xunta en Pontevedra, a administración autonómicaestá actuando coa máxima dilixencia na tramitación das axudas solicitadas. Durante os primeiros días foron atendidas consultas de unha gran cantidade de persoas que ata o momento non presentaron as súas solicitudes. No momento en que as presenten serán resoltas coa máxima urxencia, de tal xeito que os afectados poidan iniciar as actuación para recuperar as súas vivendas no prazo máis breve posible.