A Xunta reúne no Gaiás os grandes nomes do folk galego para unha gran foliada no I Encontro Galego de Cultura Popular

Uxía, Susana Seivane, Budiño, Davide Salvado, Leilía ou Ugía Pedreira entre outros actúan esta noite nun ‘Foliadón’ de cinco horas, acompañados de agrupacións folclóricas e ‘informantes de toda a xeografía galega
Publicado por o día 10/06/2018 na sección de Cultura

A Xunta reúne no Gaiás os grandes nomes do folk galego para unha gran foliada no I Encontro Galego de Cultura Popular

Unha xigantesca foliada de cinco horas encherá o Gaiás na noite de este sábado de música e baile. Sobre o escenario congregaranse uns 300 integrantes de diferentes agrupacións folclóricas nun man a man con artistas consolidados –como Uxía, Susana Seivane, Budiño, Davide Salvado, Leilía ou Ugía Pedreira– e con informantes –transmisores da nosa cultura tradicional– procedentes de diferentes comarcas galegas. Trátase dun dos eventos centrais do Serán’01, un encontro promovido pola Xunta de Galicia para apoiar e pór en valor a nosa cultura popular e de base, así como visibilizar e contribuír a protexer manifestacións do noso patrimonio inmaterial, como o baile tradicional ou outras iniciativas que xorden no seo da cultura asociativa.

O Serán’01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional botaba a andar onte na Cidade da Cultura, onde ao longo de tres días programa un amplo abano de actividades nun evento cultural de primeira orde, que inclúe dende concertos e espectáculos de baile a conferencias, obradoiros infantís ou un recinto feiral. Neste, están presentes durante toda a fin de semana ata medio cento de stands de todo o sector vinculado á cultura popular: artesáns do tecido, da confección, do calzado, da ourivería, de instrumentos tradicionais, asociacións e federacións, organización de festivais, empresas de servizos, etc.

Unha programación que continúa este domingo

Ata o domingo ás 19 horas, todas as persoas que o desexen poden achegarse ao Serán’01 e gozar das distintas actividades programadas, todas elas de balde. Para os máis cativos e cativas hai programados en horario continuado obradoiros de construción de zocas con materiais de refugallo, así como varias ‘foliadiñas infantís’, nas que actuarán nenos e nenas procedentes dunha vintena de agrupacións de baile e escolas de música de toda Galicia para goce de pequenos e maiores.

Por outra banda a asociación etnográfica pontevedresa Sete Espadelas organiza mañá ás 11.30 horas Sete Varas, un Refaixo, un desfile no que se poderán contemplar un conxunto de traxes tradicionais antigos, así como recreacións fieis á tradición procedentes das distintas comarcas galegas. Tamén, da man da agrupación Xacarandaina, o Museo Gaiás acolle durante toda a fin de semana unha valiosa mostra de mantóns antigos de seda.

Conferencias, proxeccións ou presentacións de coleccións editoriais completan un programa para mergullarse de pleno no noso folclore. Como peche de excepción, terá lugar outro man a man musical de excepción, neste caso entre dous dos máis antigos coros históricos galegos: Toxos e Flores (Ferrol) –con máis dun século de historia– e De Ruada (Ourense) –que cumpre este ano o seu centenario–. Será tamén mañá domingo ás 17.30 horas na carpa instalada na Praza Central do Gaiás.

Serán’01. I Encontro Galego de Cultura Popular: Baile e Música Tradicional está organizado pola Xunta de Galicia a través da Fundación Cidade da Cultura, contando coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura e da Agadic. A asistencia a todas as actividades é de balde e o programa pode consultarse en cidadedacultura.gal.