A Xunta salienta a contribución de Conxemar e Suardíaz a dinamizar o sector e potenciar a competitividade do porto de Vigo

A titular de Mar destaca que os galardoados axudan a que Vigo sexa unha cidade referente na industria pesqueira en Europa e que contan cunha traxectoria exemplar, sen tachas
Publicado por o día 13/12/2018 na sección de Galicia,Vigo

A Xunta salienta a contribución de Conxemar e Suardíaz a dinamizar o sector e potenciar a competitividade do porto de Vigo

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, destacou a importante contribución de asociacións como Conxemar ou empresas como Suardíaz na dinamización do sector marítimo-pesqueiro galego e en aumentar a competitividade do porto de Vigo. Así o destacou no acto de entrega dos II Premios Logidigal da Loxística e o Transporte, que recaeron nestas dúas entidades que contan cunha ampla traxectoria no sector.

A titular de Mar salientou que Vigo é “unha cidade referente na industria pesqueira en Europa” grazas ao labor de organizacións e empresas como as galardoadas. Neste sentido trasladou o compromiso da Xunta de traballar para contar cun porto vigués “conectado, innovador, verde e inclusivo”.

Sobre Conxemar, Quintana lembrou que organiza todos os anos unha feira e un congreso do sector do conxelado que, tras 20 anos de éxito, son xa dúas das citas máis esperadas polas empresas de Vigo e do mundo pesqueiro. “Conxemar serve de paraugas e de panca común para mover un sector, o do conxelado galego e español, que é unha referencia en Europa e no mundo”, aseverou a conselleira do Mar.

No caso de Suardíaz, a representante do Executivo galego destacou os seus “preto de 75 anos de traballo ben feito no campo do transporte marítimo internacional, unha lonxevidade da que poucas empresas poden presumir”.

A titular de Mar rematou incidindo en que ambas as dúas galardoadas contan con traxectorias “exemplares, sen tachas” e felicitou á asociación viguesa da loxística e do transporte Logidigal pola súa contribución ao crecemento do porto de Vigo e ao desenvolvemento da economía galega.