A Xunta salienta en Mos a aposta de Copo por avanzar cara a fábrica intelixente

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou hoxe as instalacións do grupo, que está a desenvolver o proxecto Smart Factory Auto
Publicado por o día 07/10/2019 na sección de Galicia,Mos

A Xunta salienta en Mos a aposta de Copo por avanzar cara a fábrica intelixente

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, visitou esta mañá as instalacións do Grupo COPO no municipio pontevedrés de Mos (Pontevedra) para coñecer os avances no proxecto Smart Factory Auto que están a desenvolver en colaboración co Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia (CTAG) e co apoio da Xunta de Galicia.

Durante a visita, a directora de Gain destacou o impacto que se agarda acadar con esta iniciativa, dotada con preto de 4,5 millóns de euros, na competitivade da empresa. Así, prevese mellorar o volume de negocio da factoría nun 10%, aumentar nun 25% a súa produtividade e xerar 150 postos de traballo. Para iso, están a levar a cabo cinco liñas de investigación centradas no emprego de materiais avanzados para mellorar o confort no coche, termoconformación 4.0, fábrica conectada, simulación e optimización de produtos e demostradores de procesos pilotos de produtos avanzados.


Argerey apuntou que grazas a este traballo COPO poderá “producir dun xeito máis flexible e eficiente novos compoñentes e dar resposta, deste xeito, ás demandas dos seus clientes”. Así mesmo, agárdase que os resultados obtidos con esta iniciativa, que conta co apoio da Xunta no marco do programa Fábrica Intelixente, poidan ser trasladados ao resto do tecido industrial.

A directora de Gain puxo de exemplo a COPO de referente en innovación e calidade, grazas á súa aposta pola innovación, a formación e a internacionalización. Mostra diso é o proxecto que está a desenvolver no ámbito da Fábrica Intelixente, as tres Unidades Mixtas de Investigación nas que participa e o traballo que desenvolve no seu propio centro de I+D.

En conxunto, Argerey situou o sector da automoción á vangarda, grazas ao grande esforzo que está a realizar en innovación e eficiencia, á factoría de PSA en Vigo como un referente de fábrica intelixente e ao Centro Tecnolóxico da Automoción de Galicia, como un centro de referencia tanto a nivel estatal como europeo, que desenvolve proxectos de I+D estratéxicos para o sector e que conta con máis de 900 traballadores.

Comentar noticia

Your email address will not be published.