A Xunta segue a avanzar no anteproxecto da Lei do xogo, que situará a Galicia á vangarda de España na protección en materia de xogo

A Xunta segue a avanzar no anteproxecto da Lei do xogo, que situará a Galicia á vangarda de España na protección en materia de xogo
Publicado por o día 05/02/2020 na sección de Xunta de Galicia

A Xunta segue a avanzar no anteproxecto da Lei do xogo, que situará a Galicia á vangarda de España na protección en materia de xogo

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que o Goberno galego segue avanzando no anteproxecto da Lei de Xogo que situará a Galicia na vangarda da lexislación española en materia de xogo. Recollerá importantes novidades en materia de prevención, protección e sensibilización.

Alfonso Rueda explicou na Cámara galega que a redacción do anteproxecto de Lei do xogo de Galicia que se está a desenvolver é ambiciosa en busca do consenso do Goberno con todos os colectivos implicados. Por iso, foi creado un grupo de traballo de xogo responsable no que participaron todos os sectores de xogo, a Administración autonómica nas áreas de sanidade, educación, política social, emerxencias, a Universidade e as asociacións de loita contra a ludopatía. A maiores mantivéronse reunións coas Anpas galegas, con profesionais coñecedores da problemática das adiccións e coas principais asociacións galegas.

O titular da Vicepresidencia fixo especial fincapé en sinalar na súa intervención que a actividade do xogo ten unhas características intrínsecas que fan necesaria unha intervención por parte da Administración de cara ao establecemento de mecanismos que ofrezan seguridade ás persoas participantes, garantan a protección das persoas menores de idade, e daquelas persoas que o precisen por motivos de saúde e que permitan velar pola orde pública e o desenvolvemento regular dos xogos evitando o fraude. Adiantou que será creado o Observatorio Galego de Xogo como órgano colexiado encargado do estudo, avaliación e seguimento das políticas de xogo.

Aspectos máis salientables da Lei

O anteproxecto incorpora unha planificación respecto das máquinas de xogo e dos establecementos de xogo. Cómpre recordar que a Xunta aprobou un decreto para limitar a instalación de salóns de xogo e tendas de apostas en Galicia. A norma, que foi aprobada polo Consello da Xunta, limita o número máximo ás tendas e salóns que xa están funcionando actualmente, sen permitir a apertura de novas instalacións.

Ademais, o texto indica expresamente que, se se producise a extinción dalgunha das existentes, o número máximo decrecerá na mesma proporción, isto é, nunha cantidade igual á autorización ou autorizacións extinguidas.

A publicidade, promoción e patrocinio das actividades de xogo será restrinxida e prohíbese expresamente a publicidade do xogo online e de calquera modalidade de xogo presencial de competencia autonómica na radio e na televisión pública da Comunidade Autónoma de Galicia.

Fíxanse novas distancias que deberán cumprir os establecementos de xogo, de xeito que non poderán localizarse a menos de 300 metros dos centros oficiais que impartan ensino regrado a persoas menores de idade, e dos centros oficiais de rehabilitación de persoas xogadoras patolóxicas así como de calquera outro establecemento de xogo.

Os menores de idade e as persoas que teñan reducidas as súas capacidades ou se atopen incapacitadas legal ou xudicialmente, así como as persoas con problemas de adición ao xogo ou en risco de padecelo, terán denegado a práctica e a entrada aos establecementos de xogo en calquera das súas modalidades. Será obrigatorio que todos os establecementos de xogo, (casinos, bingos, tendas de apostas e salóns de xogo), teñan control de acceso que prohiba a entrada de menores e de persoas inscritas no Rexistro de Prohibidos.

Este Rexistro de Prohibidos regúlase no Anteproxecto de Lei e nel constarán inscritas aquelas persoas físicas que o soliciten coa finalidade de facer efectivo o dereito da cidadanía a que se lles prohiba a participación nas actividades de xogo e a entrada en todos os establecementos de xogo de Galicia.

Prevención da ludopatía e asesoramento en xogo responsable

No referente á ludopatía, a Xunta desenvolverá actividades de prevención da ludopatía dirixidas á poboación en xeral e adoptará medidas tendentes a desincentivar os hábitos e condutas patolóxicas relacionadas co xogo, con especial atención aos sectores sociais máis vulnerables.

Ademais, no referente a este eido, o vicepresidente da Xunta lembrou que foron asinados convenios nos anos 2018 e 2019 coa Asociación Galega de Xogadores Anónimos (AGAJA) e a Asociación Galega de Ludópatas en Rehabilitación (AGALURE) co obxectivo de desenvolver accións de prevención, promoción, divulgación, información, asesoramento en materia de xogo responsable. Nesta mesma liña, dende a Consellería de Sanidade, a través das ordes de subvencións para programas específicos de ludopatía e das subvencións para fins de carácter socio-sanitario no ámbito das drogodependencias e trastornos aditivos, estas entidades acadaron axudas por importe de máis de 160.000 € dende o ano 2018.

A maiores, en Galicia, hai actualmente 21 unidades asistenciais a drogodependencias autorizadas e que atenden a través dun convenio establecido co Servizo Galego de Saúde a pacientes con trastornos aditivos, entre eles a ludopatía. No eido da prevención dende novembro de 2016 leváronse a cabo actividades preventivas no marco de 3 convocatorias de subvencións con unha dotación orzamentaria para o período 2015-2022 de 9,5 millóns de euros destinadas tanto a entidades locais como organizacións sen ánimo de lucro.

Comentar noticia

Your email address will not be published.