A Xunta seguirá apoiando o importante papel que as Asociacións de Voluntarios de Protección Civil desempeñan na atención á cidadanía en situacións de emerxencia

Nos últimos dez anos destináronse 12 millóns de euros para dotar ás agrupacións dos medios necesarios para levar a cabo as súas funcións
Publicado por o día 28/01/2020 na sección de Social,Xunta de Galicia

A Xunta seguirá apoiando o importante papel que as Asociacións de Voluntarios de Protección Civil desempeñan na atención á cidadanía en situacións de emerxencia

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, agradeceu esta mañá a concesión por parte da Asociación Nacional de Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil da medalla de ouro ao mérito e comprometeu o apoio da Xunta con estes profesionais que desempeñan un papel fundamental na atención á cidadanía en situacións de emerxencia.

A Xunta colabora desde hai anos coas Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, un sistema de protección que comezou a artellarse en Galicia a principios dos anos 90, que entón contaba só con 9 agrupacións e hoxe suma máis de 220.

Tanto é así que desde 2009 o Goberno galego destinou 12 millóns de euros para dotar ás agrupacións dos medios necesarios para levar a cabo as súas funcións. O obxectivo era que todas elas contaran como mínimo cun vehículo tipo pick-up, un remolque con material de atención a emerxencias e material específico dependendo da tipoloxía de risco máis frecuente no concello, como é o caso de esparexadores de sal ou cuñas quitaneves en zonas de montaña ou embarcacións en concellos de costa.

Ademais, ese importante esforzo concrétase tamén na convocatoria cada ano de axudas para o financiamento dos seus gastos correntes, a sinatura de convenios específicos para determinadas funcións como a vixilancia nos camiños de Santiago e a oferta de cursos de formación a través da Academia Galega de Seguridade Pública.

Por último, para recoñecer ese labor altruísta que realizan día a día e fundamentalmente en grandes catástrofes as Agrupacións de Voluntarios de Protección Civil, Galicia creou o pasado ano un decreto que regula as medallas ao mérito de protección civil e outras condecoracións.

Comentar noticia

Your email address will not be published.