A Xunta solicita a colaboración dos profesionais da construción de Tui para poñer en marcha canto antes a reconstrución das vivendas afectadas pola explosión pirotécnica

Vázquez Mourelle destaca o traballo administrativo realizado en tempo récord para aprobar onte en Consello da Xunta o Decreto que declara emerxencia excepcional a situación de Tui e autoriza as axudas
Publicado por o día 01/06/2018 na sección de Galicia,Tui

A Xunta solicita a colaboración dos profesionais da construción de Tui para poñer en marcha canto antes a reconstrución das vivendas afectadas pola explosión pirotécnica

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, xunto co delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, visitou hoxe o punto de atención aos afectados pola explosión pirotécnica de Tui, onde mantivo un encontro con profesionais da construción aos que lles solicitou colaboración para poñer en marcha canto antes a reconstrución das vivendas afectadas.

Vázquez Mourelle indicou que o Diario Oficial de Galicia publica hoxe o decreto de medidas urxentes pola explosión pirotécnica de Tui que onte autorizaba o Consello da Xunta, tras un traballo intenso co que o Goberno galego logrou axilizar ao máximo, só nunha semana, a tramitación. Adiantou que a vindeira semana o DOG publicará a orde destas subvencións.

Explicou que se habilitarán subvencións directas a quen perdera por completo a vivenda, sen máis acreditación que o título de propiedade, dispoñendo de ata 125.000 euros para reconstruíla co enxoval doméstico, no mesmo sitio ou noutro.

Concretou que o decreto tamén contempla axudas para a rehabilitación daquelas danadas, cun máximo de 110.000 euros nas habituais e de 44.000 nas ocasionais, ademais de axudas para reposición de enxoval doméstico, por importe de ata 3.000€. Precisou que para acceder a estas subvencións só cómpre o título de propiedade e unha memoria valorada dos danos, non se esixirá adiantar os cartos para as obras.

Subliñou que a maiores, haberá axudas ao alugueiro, para custear o aloxamento provisional daquelas familias que o necesitan: 450 €/mes, durante un prazo de 2 anos; ademais de 600 € adicionais para facer fronte aos gastos de alta, subministros e fianza.

Lembra que o alcance dos danos exixe a implicación de todas as administracións e demanda que a Deputación de Pontevedra actúe como ente de apoio aos concellos e contribúa como fai á Xunta, á recuperación do núcleo de Paramos o antes posible.