A conselleira de Infraestruturas e mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa directora de Augas de Galicia, Teresa Gutiérrez, participou esta tarde en Madrid na xuntanza da XXXIII sesión plenaria do Consello Nacional da Auga, onde solicitou a declaración como actuación de interese xeral do Estado das obras necesarias para garantir o abastecemento na área de Vigo.
Entre os asuntos tratados na xuntanza de hoxe estiveron os plans especiais de seca e de prevención das inundacións, cuestións de máximo interese para a Xunta de Galicia, dado o actual contexto de cambio climatico.
Por parte do Goberno galego trasladouse que tamén está avanzando na nova planificación hidrolóxica na demarcación Galicia-Costa, e nas medidas para garantir o abastecemento da poboación en situación de ausencia prolongada de precipitacións como a que se viviu na comunidade autónoma entre 2016 e 2017
Neste punto a conselleira incidiu na especial preocupación da Comunidade polos problemas evidenciados pola seca para garantir o abastecemento de Vigo e os municipios do seu contorno.
Ante a posibilidade de que esta situación volva a repetirse, o Goberno galego considera necesario adoptar medidas preventivas de calado, solicitándolle ao Goberno de España a declaración de Interese Xeral do Estado para as obras que garantan o abastecemento de Vigo.
Vázquez Mourelle lembrou que no curto prazo é urxente que o Concello de Vigo mellore a capacidade de tratamento da planta potabilizadora, para o que a Xunta xa ofreceu o seu apoio. Pero, engadiu que, para obter garantías de abastecemento a medio e longo prazo son necesarias obras de gran magnitude que coa declaración de Interese Xeral do Estado terá máis posibilidades de financiamento.
É unha solicitude, explicou, que busca para Vigo o que xa tiveron cidades como Ourense, Lugo e Pontevedra, cuxos abastecementos foron declarados de Interese Xeral do Estado.
O Consello Nacional da Auga é un gran foro do que forman parte a Administración xeral do Estado, as comunidades autónomas, os entes locais e os organismos de cuenca, ademais de organizacións profesionais e económicas relacionadas coa auga, así como entidades empresariais e sindicais do sector e grupos ecoloxistas.
Neste foro, o Goberno galego tamén deu conta de que en 2019 revisará o plan especial de seca da demarcación Galicia-Costa tendo en conta os novos condicionantes do cambio climático.
Así mesmo, lembrou o traballo en marcha para a prevención de inundacións, con especial atención ás zonas de maior risco e a previsión de reforzar os esforzos na nova planificación.
Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.