A Xunta solicítalle ao Ministerio de Fomento a convocatoria da Comisión de Seguimento da AP-9 para abordar a liberación da peaxe en Redondela

Vázquez Mourelle traslada ao Goberno central o interese do Executivo autonómico de dispor de información actualizada sobre os traballos na Ponte de Rande
Por o 28/08/2018 | Sección: Galicia,Redondela,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta solicítalle ao Ministerio de Fomento a convocatoria da Comisión de Seguimento da AP-9 para abordar a liberación da peaxe en Redondela

A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, remitiulle hoxe unha carta ao secretario de Estado de Infraestructuras, Transporte y Vivienda, Pedro Saura, na que lle solicitou a convocatoria da comisión de seguimento da AP-9 para abordar a tramitación da liberación da peaxe en Redondela, entre outros asuntos.

Vázquez Mourelle subliñou a necesidade de manter unha nova reunión desta comisión, tendo en conta o grao de avance de obras actualmente en execución como o acceso á Cidade da Cultura desde a AP-9.

Cómpre lembrar que a Xunta e o Ministerio de Fomento constituíron en 2017 unha comisión de seguimento da AP-9, un foro de colaboración e coordinación institucional na que se abordan todas as cuestións relativas a esta infraestrutura estratéxica en Galicia. Neste sentido, xa tiveron lugar diferentes xuntanzas, o 22 de febreiro de 2017, o 13 de xuño de 2017 e o pasado 23 de xaneiro.

A titular de Infraestruturas tamén lle solicitou a Fomento a disposición de información continua e directa sobre aquelas actuacións na ponte de Rande que supoñan implicacións na mobilidade e a seguridade dos cidadáns.

A ponte de Rande é unha infraestrutura crucial en Galicia e máis concretamente na comarca de Vigo, ao ser a principal vía de entrada á cidade olívica, polo que a Xunta reiterou a importancia de contar coa información correspondente ás intervencións que o Goberno central realice na mesma.

Comentar noticia

Your email address will not be published.