A Xunta solicítalle con urxencia á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e ao concello de Vigo o texto asinado do convenio de abastecemento para rubricalo e activalo de forma inmediata

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade destaca a iniciativa da Xunta para promover o estudo de alternativas para achegar solucións estruturais que garantan o abastecemento de auga a longo prazo en Vigo e a zona sur da provincia de Pontevedra
Por o 19/04/2019 | Sección: Galicia,Vigo
A Xunta solicítalle con urxencia á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e ao concello de Vigo o texto asinado do convenio de abastecemento para rubricalo e activalo de forma inmediata

A Xunta de Galicia solicitoulle o martes con urxencia á Confederación Hidrográfica do Miño-Sil e ao Concello de Vigo o texto asinado do convenio sobre o abastecemento de auga coa fin de proceder tamén á súa rúbrica. O obxectivo do Goberno galego é que o acordo de colaboración quede formalizado canto antes e que, de forma inmediata, se poida iniciar o estudo de alternativas para garantir a subministración de auga a Vigo e a zona sur de Pontevedra a longo prazo.

Tras anunciar onte publicamente o alcalde de Vigo que o convenio de colaboración está xa rubricado pola Administración local e pola Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, dirixiuse hoxe por escrito a ambas administracións para demandar a remisión do dito texto e pechar definitivamente a súa tramitación.

Tal e como reitera a conselleira, a Administración autonómica está en total disposición de asinar o convenio de colaboración desde hai tempo.

Na súa carta. Ethel Vázquez lembra que foi a preocupación da Xunta de Galicia polas deficiencias do sistema de abastecemento de auga de Vigo, que pode comprometer o seu subministro no contexto do cambio climático, o que a levou a tomar a iniciativa de realizar un estudo de alternativas plasmado no convenio de colaboración.

Trátase de realizar una análise completa e sen apriorismos de todas as posibilidades de actuación para achegar solucións estruturais que permitan garantir o abastecemento de auga a Vigo e á zona sur da provincia de Pontevedra a longo prazo.

A Xunta, o Concello de Vigo e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil acordaron a finais do pasado mes de outubro realizar e financiar conxuntamente ese estudo proposto pola Administración autonómica.

No seu escrito, a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade salienta que a procura dunha solución estrutural a longo prazo para o sistema de abastecemento debe abordarse sen prexuízo da necesidade urxente de que a concesionaria municipal da auga de Vigo actúe na estación potabilizadora.

Esa estación presenta deficiencias que son coñecidas desde, polo menos, o ano 2008, e quedaron en evidencia novamente no episodio de seca do ano 2017, cando o encoro de Eiras estaba ao 38% da súa capacidade pero a potabilizadora non podía garantir a calidade desa auga despois de tratala.

Comentar noticia

Your email address will not be published.