A Xunta somete a información pública o Plan de conservación do espazo natural Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, en Vigo

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se abre un prazo de 15 días hábiles para que os interesados poidan presentar as súas achegas ao documento, que entra deste modo na recta final da súa tramitación
Publicado por o día 23/07/2020 na sección de Galicia,Vigo,Xunta de Galicia

O Diario Oficial de Galicia publica hoxe o anuncio polo que se somete ao procedemento de información pública e audiencia o proxecto de decreto polo que se aproba o Plan de conservación do espazo natural de interese local (ENIL) Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte, no Concello de Vigo.

Deste xeito, o documento encara a recta final da súa tramitación administrativa e durante un período de 15 días hábiles -que comezan a contar a partir de mañá- os cidadáns, colectivos, ou calquera persoa física ou xurídica interesada poderán achegar, preferentemente por correo electrónico, as consideracións e comentarios que consideren oportunos con relación ao devandito plan, elaborado polo Concello de Vigo, como promotor da iniciativa.

O Complexo Duna e Areal do Vao-Baluarte foi declarado espazo natural de interese local, de xeito provisional, mediante Orde do 26 de agosto de 2013. A aprobación do Plan de conservación do ENIL por decreto do Consello da Xunta permitirá que esa declaración pase a ter o carácter de definitiva.

No documento que se somete agora a información pública, establécense as bases técnicas que garantirán a recuperación e conservación dos valores naturais presentes neste espazo protexido por un período de programación inicial de seis anos.

O importe global para a xestión do territorio incluído no devandito plan de conservación é de 815.652,52 euros, que se destinarán principalmente á restauración e conservación dos hábitats dunares, á eliminación de especies invasoras, á xestión do uso público, ao mantemento do propio ENIL, á potenciación da conectividade do espazo coa contorna e á protección da paisaxe. A ampliación do coñecemento científico e as accións de divulgación, sensibilización e educación tamén están previstas nesta planificación.

O plan establece tamén o réxime de usos e actividades permitidas, así como as limitacións que se consideran necesarias para garantir a conservación do dito espazo natural. Respecto dos usos e aproveitamentos desenvolvidos no Plan, con carácter xeral permítense todos aqueles que tradicionalmente se viñeran efectuando neste espazo e que deron lugar á paraxe e valores naturais que motivaron a súa declaración.

Exemplo de recuperación de sistemas dunares

Os areais do Vao e Baluarte son un referente nos procesos de recuperación ambiental dos sistemas dunares degradados: foi un gran sistema dunar sometido a unha forte presión na década dos anos 80 que logrou recuperarse paulatinamente e con moito esforzo.

En canto á súa calidade ambiental, nestes momentos o espazo acolle hábitats naturais de interese comunitario representativos das dunas marítimas atlánticas. Alberga un abano diverso de especies e comunidades vexetais asociadas ás dunas móbiles embrionarias, colonizadoras de primeira liña (Hábitat de interese comunitario 2110); dunas móbiles costeiras colonizadas por Ammophila arenaria, que conforman a segunda banda do sistema dunar (Hábitat de interese comunitario 2120); e dunas costeiras fixas con vexetación herbácea ou grises das costas atlánticas, con substratos fixos ou semifixos, colonizadas por herbáceas e pequenos arbustos resistentes á influencia do vento mariño (Hábitat prioritario 2130*) que constitúen a terceira das bandas litorais.

A declaración provisional do ENIL no ano 2013 conferiulle ao ámbito a condición de espazo protexido polo que conta coa condición de solo rústico de especial protección de espazos naturais. Tamén está afectado pola protección sectorial da liña de deslinde do Dominio público marítimo-terrestre, polo Catálogo das paisaxes de Galicia e polo Plan de Ordenación do Litoral, sendo tamén solo rústico de especial protección de costas e paisaxística.

A Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, a través da Dirección Xeral de Patrimonio Natural, tutelará a conservación deste espazo natural para asegurar que se cumpran eficazmente os fins perseguidos coa declaración do ENIL, cuxa xestión acometerá o Concello de Vigo, seguindo as liñas marcadas no Plan de conservación aprobado.

O obxectivo primordial de promover a súa declaración definitiva como ENIL será contribuír á conservación da biodiversidade, mellorando a capacidade de acollida dos hábitats dunares, incorporando consideracións ambientais no ámbito municipal de decisións, exercendo a súa corresponsabilidade na consecucións dos seus obxectivos medioambientais e redundando positivamente na calidade de vida dos veciños e veciñas de Vigo e a súa contorna.