A Xunta subliña as oportunidades que o futuro plan de enogastronomía ofrecerá para o impulso do turismo urbano

A Consellería de Cultura e Turismo avanza na elaboración deste documento que porá o foco na cociña de vangarda e na tradicional
Publicado por o día 01/11/2018 na sección de Turismo

A Xunta subliña as oportunidades que o futuro plan de enogastronomía ofrecerá para o impulso do turismo urbano

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e a delegada territorial da Xunta en Ourense, Marisol Díaz Mouteira, participaron hoxe na presentación de Sabores de Ourense. Trátase do certame de tapas incluído na iniciativa De Tapas por Galicia coa que a Consellería de Cultura e Turismo apoia o traballo dos concellos e profesionais do sector organizadores de cada un dos concursos das sete cidades e co que difunde a combinación de turismo urbano e enogastronómico fóra de tempada alta.

Esta combinación, dixo Nava Castro, estase a consolidar como un elemento clave para a desestacionalización do destino galego. Ademais, a cociña en pequeno formato que impulsan certames deste tipo está a ser tamén cada vez unha opción máis valorada. Por iso, estas iniciativas serán tidas en conta nun dos compromisos de Cultura e Turismo para esta lexislatura, o futuro Plan de Enogastronomía –aliñado coa Estratexia do Turismo de Galicia 2020- no que se está a traballar.

Esta nova folla de ruta deséñase coa intención de brindar unha oportunidade para o desenvolvemento turístico do rural e tamén das contornas urbanas de Galicia, impulsando a competitividade do sector primario, estimulando a relación entre a cociña e os centros de investigación e mesmo potenciando produtos e receitas relacionadas con determinadas tradicións, épocas do ano ou zonas xeográficas, entre outras accións. Reforzará o papel da enogastronomía no modelo turístico galego, tendo moi en conta que tres de cada dez turistas elixen os recursos culinarios galegos como principal motivo para viaxar a Galicia, só por detrás da natureza e paisaxe.

Ourense, destino internacional

Neste contexto, a directora de Turismo puxo en valor o papel que Ourense ten neste eido, polo seu potencial enogastronómico. Referiuse tamén á boa evolución turística que está a ter esta provincia e a cidade de Ourense, onde os viaxeiros permanecen cada vez máis días nun destino que é tamén cada vez máis internacional. De feito, no que levamos de ano, a estadía media subiu no concello un 2% e o número de viaxeiros internacionais, un 11%.

Como explicou Nava Castro, Sabores de Ourense converterase nunha das mellores maneiras de coñecer Galicia en outono e, en particular, destinos do interior como Ourense. Celebrarase do 5 ao 18 de novembro e nel participarán máis de 50 establecementos con tapas a base de castañas e cogomelos. Realizaranse, ademais, diferentes actividades paralelas, entre as que se incluirán catas de viños da denominación de orixe do Ribeiro, así como un showcooking tomando como ingredientes as castañas ou degustacións con cogomelos, entre outras. O gañador deste concurso será o encargado de representar a Ourense na Gala Showcooking organizada pola Consellería de Cultura e Turismo para elixir ao mellor cociñeiro de petiscos entre os gañadores dos concursos da sete cidades.