A Xunta subministra alimentos a varios hospitais galegos que foron adquiridos a través da canle de Mercaproximidade

A semana que vén procederase ao reparto de patacas, carne, embutidos, queixos e mel entre seis hospitais, unha nova cesión que se suma ás xa realizadas a entidades e comedores sociais e ao Banco de Alimentos de Lugo
Publicado por o día 26/04/2020 na sección de Alimentación,Coronavirus,Salud,Sanidad,Xunta de Galicia

A Xunta subministra alimentos a varios hospitais galegos que foron adquiridos a través da canle de Mercaproximidade

A Consellería do Medio Rural vén de mercar produtos agroalimentarios a través da nova canle de comercialización Mercaproximidade para cederlles a varios hospitais da nosa comunidade e axudar, deste xeito, aos pequenos agricultores e gandeiros galegos nesta situación de emerxencia sanitaria.

Desta forma, a Consellería procedeu a mercar patacas, carne, embutidos, queixos e mel para repartir a semana que vén entre seis hospitais da nosa xeografía: o CHUS de Santiago, o CHUO de Ourense, o Lucus Augusti de Lugo, e os hospitais da Mariña, de Monforte de Lemos e de Ferrol. As primeiras provisións chegarán este vindeiro martes e o resto repartiranse nas dúas seguintes semanas.

Todos estes alimentos que está a mercar o Goberno galego, a través de Mercaproximidade, enmárcanse na situación excepcional que estamos atravesando debido ao coronavirus. Así, e de xeito temporal, a orde impulsada pola Consellería, e publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 14 de abril, contempla a posibilidade de que a Xunta poida mercar produtos agroalimentarios a aqueles produtores que teñan problemas para dar saída aos seus produtos, debido ao peche da hostalaría, da restauración e dos mercados tradicionais de proximidade.

Deste xeito, o Goberno galego contribúe a garantir a supervivencia do motor principal da dinamización do rural, centrado na actividade agropecuaria, e minimiza a perda de ingresos que poidan ter estes produtores debido ao peche das súas canles habituais de comercialización.

Cabe recordar que na última semana, a Xunta mercou numerosos produtos agroalimentarios para cederlle a entidades e comedores sociais; así como 100 toneladas de patacas que foron cedidas ao Banco de Alimentos de Lugo para que as puidera repartir a través das sedes de Cáritas de toda España. A esta cantidade de tubérculo súmanselle outras 30 toneladas que cedeu de forma voluntaria un produtor da Asociación de Empresarios, Gandeiros e Agricultores da Limia (Adegal).

A nova canle de comercialización Mercaproximidade estreouse o pasado 15 de abril e, a día de hoxe, son máis de 250 as industrias e os produtores interesados en adherirse a esta fórmula de venda. Ademais, cabe destacar tamén a colaboración das cadeas de distribución, pois xa están integrados os grupos Gadis, Froiz, Vegalsa-Eroski -a través dos establecementos Eroski e Familia-, Carrefour, El Corte Inglés, Grupo Cuevas -a través da súa rede de supermercados Plenus-, Lidl, Alcampo, Coviran e DIA. Non obstante, a iniciativa segue aberta a todas aquelas cadeas, empresas de subministración de colectividades e plataformas online que desexen sumarse, co obxecto de axudar aos agricultores e gandeiros galegos durante a emerxencia sanitaria.