A Xunta subvenciona campionatos de caza do raposo con criterios cuestionables

Publicado por o día 08/02/2019 na sección de Política,PSOE

A Xunta subvenciona campionatos de caza do raposo con criterios cuestionables

A portavoz de Medio Ambiente do Grupo Socialista, Patricia Vilán, cuestionou esta mañá que finalidade dos campionatos de caza do raposo subvencionados pola Xunta sexa “o fomento dos recursos cinexéticos e o medio natural”. Así o dixo hoxe no debate dunha pregunta oral que presentou hoxe en Comisión parlamentaria, na que denunciou a falta de datos que avalen o control da poboación e sinalando que parece mais ben “unha actividade deportiva”.

A deputada socialista recordou que o artigo 72 da lei 13/2013 establece a batida deste animal como unha modalidade autorizada, aínda que o artigo 1 da mesma norma recolle como o seu obxecto regular o exercicio da caza co fin de “protexer, conservar, fomentar e aproveitar ordenadamente os recursos cinexéticos”, finalidade que non parece cumprirse coa caza do raposo “a cal semella ter un interese meramente lúdico-festivo”.

Aludiu a Sociedade Galega de Historia Natural, a cal pon en solfa a existencia de datos que avalen as densidades e a tendencia das poboacións destes animais ou os prexuízos derivados da súa presenza que avalen o control da poboación. Ademais a SGHN destaca a importancia desta especie no aspecto sanitario, ao eliminar pequenos roedores prexudiciais para o ser humano, e no equilibrio ecolóxico ao eliminar os restos de animais mortos.

Esta falta de datos propios da Xunta sobre o número de manadas que hai ou sobre se é necesaria a súa caza para controlar a especie, e suplida pola información que lles proporciona dende os organizacións e asociacións privadas.

Lembra ademais que a propia Xunta, a través do Grupo Popular, votou a favor dunha proposición non de lei para “non subvencionar esta actividade, non apoiala nin participar na súa promoción e desenvolvemento” e que a definía como “inxustificada competición de morte de fauna silvestre”. Advirte que agora “é o propio Goberno quen autoriza e financia os vindeiros campionatos de caza do raposo”.

Durante o debate, a Directora xeral de Patrimonio Natural dixo que a caza do raposo é unha actividade deportiva e que como tal foi subvencionada pola Secretaría xeral de Deporte. Ante isto a parlamentaria socialista manifestoulle que “non lle pedimos que incumpran a norma senón que fagan eses estudos e que estuden a posibilidade de cambiar a lei de Caza de 2013 e o seu Regulamento”.

Comentar noticia

Your email address will not be published.