A Xunta supervisa as obras de ampliación do IES de Teis

O investimento total da Consellería de Educación neste centro, cuxas instalacións crecen en case 1.200 metros cadrados, é de preto de 1,7 millóns de euros
Por o 10/04/2018 | Sección: Educación,Galicia,Vigo,Xunta de Galicia
A Xunta supervisa as obras de ampliación do IES de Teis

As obras de ampliación do IES de Teis, a piques de rematar, serán entregadas á Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria o vindeiro 24 de abril. Así o confirmaron hoxe responsables da empresa encargada destas ao delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves.

Nunha visita realizada esta mañá ás novas instalacións deste centro vigués, o representante do Goberno galego, quen acudiu acompañado polo xefe territorial da Consellería, César Pérez, puido comprobar de primeira man o avanzado estado das obras. Segundo recordou, a inversión total desta actuación ascende a preto de 1,7 millóns de euros, “aos que haberá que engadir as dotacións específicas” dixo.

O obxecto desta obra é o de mellorar as instalacións do centro dedicadas especialmente á implantación da FP Básica e dos ciclos formativos de 2.000 horas, dando resposta ás necesidades de crecemento que está a experimentar a Formación Profesional. A obra está cofinanciada polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional nun 80 %, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.

Neste senso, López-Chaves lembrou que o IES é un centro de referencia na cidade de Vigo nas familias profesionais de Imaxe Persoal e Informática e Comunicacións, ofertando case o 100% dos ciclos existentes na nosa Comunidade nesas dúas familias profesionais.

As obras consisten na ampliación de 1.179,60 m² distribuídos en planta semisoto, acceso e alta. Na planta semisoto situaranse os talleres de estética, aula polivalente de estética, departamento e vestíbulo para os ciclos de peiteado e estética. Na planta de acceso crearanse tres aulas polivalente, un almacén de tecnoloxía con aula adxunta, unha aula de pedagoxía terapéutica, e 2 aulas de diversificación. Finalmente o andar superior acollerá o laboratorio taller de informática –dividido en tres partes- e o departamento.

A actuación complétase coa mellora da instalación de protección contra incendios e o redimensionamento da instalación de calefacción.

Noticias de última hora en Vigo

Comentar noticia

Your email address will not be published.