A Xunta ten paralizada -polo momento- durante un ano a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía do Ribeiro

Publicado por o día 28/01/2019 na sección de Política,PSOE

A Xunta ten paralizada -polo momento- durante un ano a Estación Experimental de Viticultura e Enoloxía do Ribeiro

A deputada socialista Noela Blanco reclamoulle hoxe ao goberno galego que “contrate dunha vez” ao enólogo e ao especialista en viticultura vacantes na Estación Experimental de Viticultura de Galicia, creada en 1985 e dependente da Consellería de Medio Rural. As prazas permanecen vacantes dende a xubilación dos seus anteriores titulares, hai agora un ano.

Blanco presentou unha serie de iniciativas parlamentarias para esixirlle ao goberno galego que “manteña a calidade no servizo que se presta na EEVE de Leiro, garantindo o mantemento dos postos de traballo” e a contratación urxente das vacantes. A falla destas prazas dificulta e ralentiza as tarefas da Estación, que pasan por atender ás consultas de adegas e particulares, proxectos de investigación, análises de viños, e asesoramento xeral relacionado coa viticultura.

A responsable socialista sinala que, debido a esta situación, “a lectura das analíticas e o asesoramento técnico e realiza en moitos casos vía telefónica” por técnicos e técnicas da subestación dependente da EEVE creada en 1997 no Concello de Ribadumia –Pontevedra-.

A Estación, explica a deputada socialista, presta un servizo “fundamental para a comarca, cunha Denominación de Orixe, a do Ribeiro, que é a máis antiga de Galicia, e que conta con 2.800 hectáreas de viñedo e máis de 100 adegas”. O sector funciona no Ribeiro como motor da economía e impulso ao relevo xeracional, coa chegada de mozos e mozas procedentes do medio urbano co obxectivo de dedicarse á viticultura.