A Xunta ten que “deixar de vivir a sombra do Estado” nas políticas contra a violencia machista

Publicado por o día 20/11/2018 na sección de Galicia,Política,PSOE

A Xunta ten que “deixar de vivir a sombra do Estado” nas políticas contra a violencia machista

A portavoz de Igualdade do Grupo Socialista, María Pierres, reclamoulle á Xunta un aumento dos fondos destinados a loita contra a violencia machista, xa que actualmente “o 60,5 por cento proceden do Estado e só un 39,5 por cento son propios”. Nunha comparecencia no Pleno do Parlamento, recordou a necesidade de “facer os deberes na casa” recordando o episodio machista no que o alcalde do PP en Vilanova chamaba “chacha para todo” á presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva.

A portavoz socialista recordou os “terribles datos” que deixou a violencia machista en Galicia o 2017, ano no que 3.473 mulleres utilizaron o 016, case 800 mulleres agredidas ou con lesións, 1.284 ordes de protección adoptadas, 6.436 denuncias presentadas e 3 vítimas mortais, dous mulleres e un menor.
Sinalou que estes datos, trasladados á realidade, mostran que “unha de cada 215 mulleres padecen esta violencia e unha de cada mil vive convencida de que a súa vida periga”. Sinalou que “se miramos os datos con retrospectiva de 10 anos vista, vemos que as mais de 60.000 denuncias por violencia de xénero indican que esta lacra afecta a 1 de cada 25 mulleres”.

Alertou de que esta situación non se ve reflectida nos orzamentos da Xunta, nos cales “a aportación do goberno galego aumenta unicamente en 144.000 euros sobre o total de 5,57 millóns de euros que aporta a Xunta de Galicia”. Estes datos deixan ver que “so se pode chegar á cantidade de 14,11 millóns grazas aos 8,5 millóns aportados polo Estado en virtude do Pacto de Estado contra a Violencia de Xénero, seguindo así cunha actitude de vivir á sombra deste”.

Sinalou as carencias na aplicación da Lei galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero, como a “falta de datos estatísticos completos ou o descoñecemento da verdadeira situación de desamparo dos menores fillos de vítimas de violencia xénero”, o cal “impide o traballo efectivo dos Servicios Sociais”. Denunciou tamén que so existen dous xulgados específicos de violencia de xénero, xerando así a unha sobrecarga nos xulgados ordinarios.
A representante socialista falou tamén de que a idea da Xunta de crear unha rede integral de Centros de Información ás Mulleres –CIMs- está “moi lonxe de facerse realidade, pois só 80 concellos de 217 reciben subvencións, tendo que funcionar unicamente con servizos e recursos propios”. Dixo que “esta rede é necesaria” e reclamou “que a Secretaria Xeral abandone o partidismo e a demagoxia amosado só co peche dos centros onde non goberna o PP”.

Pierres López rematou comparando a proactividade do PSOE que, acompañando o movemento feminista, “permitiu o desbloqueo da situación na que se atopaba o Pacto de Estado en menos de dous meses”. Contrastou esta actuación coa actitude dun PP que “da as costas a esta problemática e que incluso pon trabas con decisións como os servicios mínimos da folga do 8-M, os cales foron recentemente cualificados como ilegais por parte do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia”.