A Xunta traballa para dotar Vigo de máis infraestruturas sanitarias de calidade co novo centro de saúde de Bouzas no que inviste 1,4 millóns e que estará rematado a comezos de 2021

Estas actuacións, reiniciadas a mediados de abril, estanse a realizar procurando a máxima integración na contorna e minimizando as molestias aos veciños
Publicado por o día 04/05/2020 na sección de Coronavirus,Galicia,Salud,Sanidad,Vigo,Xunta de Galicia

A Xunta traballa para dotar Vigo de máis infraestruturas sanitarias de calidade co novo centro de saúde de Bouzas no que inviste 1,4 millóns e que estará rematado a comezos de 2021

A Xunta traballa para dotar Vigo de máis infraestruturas sanitarias de calidade co novo centro de saúde de Bouzas, no que inviste 1,4 millóns de euros e que estará rematado a comezos de 2021.
A conselleira Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, xunto coa delegada territorial da Xunta en Vigo, Corina Porro, e o director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, mantivo unha videoconferencia co equipo responsable destas obras para supervisar o seu avance e as medidas de protección adoptadas por mor do COVID-19.

No encontro constatouse que estas actuacións, reiniciadas a mediados do mes de abril co levantamento das restricións, se están a realizar coas necesarias medidas para evitar contaxios entre os profesionais da construción.

En canto á evolución das obras, a conselleira precisou que se están a realizar procurando a máxima integración na contorna e minimizando as molestias aos veciños mediante o emprego de maquinaria menos potente para reducir os ruídos ou a xeración de po.

O novo centro de saúde, nas inmediacións da Alameda, contará cunha superficie construída de preto de 900 m², en dous volumes construtivos, comunicados mediante unha galería.

A edificación, deseñada para dar cobertura a 10.000 usuarios, albergará as consultas de medicina xeral e de enfermería, así como sala polivalente, entre outros equipamentos.

Ethel Vázquez subliñou que a día de hoxe xa están executadas as demolicións do edificio existente e dos valados e está feita a escavación da parcela. En canto ás cimentacións, executáronse xa os micropilotes que soportarán a carga da estrutura do edificio.

Indicou que neste mes o grao de execución deste centro de saúde se achegará ao 20%, pois se rematará a lousa de cimentación e comezará cos pechamentos do muro perimetral. Tamén se finalizarán os muros de formigón que soportarán o teito da planta baixa e se iniciará a montaxe do encofrado do primeiro forxado.

A responsable de Infraestruturas salientou que a Xunta segue traballando para dotar Vigo de infraestruturas sanitarias de calidade e así, tras a execución do Hospital Álvaro Cunqueiro, avánzase agora no centro de saúde de Bouzas.

Lembrou que o Goberno galego tamén licita hoxe a 1ª fase das obras do Hospital Montecelo, por 115 millóns de euros. Ademais, na xornada de hoxe tamén se retoman as obras do novo centro de saúde de Escairón, que se vén sumar á decena de centros sanitarios reactivados en semanas pasadas.

Comentar noticia

Your email address will not be published.