A Xunta traslada á Fegamp a importancia da colaboración institucional para que a Lei de reactivación contribúa á captación de novos investimentos nos concellos

Pon en valor a figura dos Concellos Emprendedores, á que xa se adheriron 136 municipios que comparten coa Administración autonómica a necesidade de estimular a actividade empresarial

O vicepresidente económico e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, mantivo esta tarde un encontro co presidente da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), Alberto Varela, no que lle trasladou as principais medidas da futura Lei de reactivación –que se encontra actualmente en fase de tramitación no Parlamento de Galicia– para atraer novas iniciativas empresariais cara aos concellos galegos, avanzando na simplificación administrativa e facilitando os investimentos.

Na xuntanza, Conde puxo en valor a importancia da colaboración entre as distintas administracións e cos axentes sociais para captar novos proxectos empresariais e impulsar a transformación do tecido produtivo galego. O vicepresidente económico lembrou que unha das medidas recollidas na normativa é precisamente o impulso da figura dos Concellos Emprendedores. O responsable de Economía, Empresa e Innovación indicou que, grazas ao convenio asinado coa Fegamp, xa son 136 municipios en toda Galicia os que comparten coa Xunta a necesidade de levantar as barreiras ao investimento empresarial para estimular a actividade económica e facilitar os trámites administrativos.

A futura Lei de reactivación, tal e como subliñou Conde, permitirá seguir avanzando neste eido, promovendo un cambio de cultura administrativa para lograr a máxima axilización e reducir nun terzo os tempos de tramitación. O obxectivo é achegar unha resposta áxil desde a Administración para facilitar a actividade económica, mellorando a relación coa cidadanía e dando resposta aos novos retos aos que se enfronta Galicia, ao tempo que se achegan as máximas garantías xurídicas, urbanísticas e ambientais para contribuír á consolidación do ecosistema empresarial galego.

No ámbito da simplificación administrativa, establécese un prazo xeral de 3 meses para emitir informes vinculados á Administración autonómica, e aplicarase o silencio administrativo positivo, ademais de ampliar os supostos de iniciativas empresariais prioritarias e proxectos industriais estratéxicos.

Establécese tamén un réxime de licenzas exprés, reducindo os prazos de licenza para iniciativas empresariais a un mes con carácter xeral e 15 días para supostos específicos, e haberá unha emisión simultánea de todos os informes sectoriais competencia da Xunta de Galicia. Ademais, conservaranse informes sectoriais para varios efectos: trámite ambiental, trámite urbanístico e trámite de autorización; e recolle a posibilidade de tramitación conxunta de todos os procedementos administrativos autonómicos que poidan ser necesarios para implantar unha empresa, evitando duplicidades.

Noticias de última hora en Vigo. Te contamos todo lo que sucede en nuestra ciudad. Desde los sucesos más relevantes hasta artículos de opinión y de interés.

SIGUENOS EN TELEGRAM