A Xunta traslada ao Goberno central a necesidade de axilizar os trámites administrativos relacionados co eido portuario

Publicado por o día 21/09/2018 na sección de Mar

A Xunta traslada ao Goberno central a necesidade de axilizar os trámites administrativos relacionados co eido portuario

A conselleira do Mar, Rosa Quintana, trasladou hoxe ao secretario de Estado de Medio Ambiente, Hugo Morán, a necesidade de traballar conxuntamente “para axilizar o máximo posible” a tramitación administrativa de actuacións relacionadas co eido portuario. O obxectivo, sinalou, é “resolver con maior rapidez” cuestións que afectan á actividade dos profesionais da pesca do marisqueo e tamén das embarcacións deportivas de Galicia.

Así llo trasladou a titular de Mar hoxe ao secretario de Estado de Medio Ambiente nunha xuntanza celebrada no Ministerio para a Transición Ecolóxica, á que tamén asistiu o presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán.

Un exemplo de accións nas que a tramitación administrativa é complexa desde o punto de vista medioambiental son as dragaxes dos portos para dotar de maior calado as dársenas. En relación a estas actuacións, a conselleira transmitiu ao secretario de Estado a necesidade de “buscar o modo de axilizar os trámites para resolvelos antes de que caduquen os estudos realizados”.

Neste sentido, a conselleira asegurou que o o secretario de Estado lle explicou que o Goberno central publicará proximamente dous decretos que iniciaron a súa tramitación durante o goberno anterior e para os que Galicia remitiu as súas alegacións. Unhas alegacións que agradeceu o secretario de Estado e que axudaron a mellorar os decretos, sinalou Rosa Quintana. “Esperamos que unha vez que se publiquen estes decretos, a tramitación administrativa poida ser máis sinxela”, engadiu a titular de Mar.

Ademais a conselleira propuxo ao secretario de Estado a posibilidade de crear un grupo de traballo entre a Secretaría de Estado de Medio Ambiente e os técnicos de Portos de Galicia co fin de estudar “os posibles aproveitamentos das acumulacións de area que estamos tendo nos portos e nas zonas de explotación marisqueira para conseguir mellorar a produtividade das zonas e utilizar esa area para recuperar praias para toda a cidadanía”.