A Xunta trasladará equipos de valoración da dependencia a seis comarcas ourensás para recortar os tempos de agarda

Os equipos situaranse nos concellos de Celanova, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Verín, O Carballiño e Ourense
Publicado por o día 17/01/2021 na sección de Social,Xunta de Galicia

A Xunta trasladará equipos de valoración da dependencia a seis comarcas ourensás para recortar os tempos de agarda

A Xunta trasladará a partir deste luns equipos de valoración da dependencia ás comarcas da provincia de Ourense para reforzar o traballo dos servizos sociais e tratar de reducir o tempo de agarda das solicitudes. Unha iniciativa que se levará a cabo de xeito piloto durante seis meses e que, en función do seu impacto, poderá ser replicado por máis tempo.

En concreto, situarase un equipo en cada área xeográfica que atenderá a todos os concellos da súa zona. Así, os puntos de referencia serán Celanova, O Barco de Valdeorras, Xinzo de Limia, Verín, O Carballiño e Ourense. As veciñas e veciños da área xeográfica de Maceda poderán trasladarse ao Concello de Ourense.

As persoas que teñan solicitada unha valoración de dependencia serán citadas a través do teléfono 012 con anterioridade. Só terán que acudir á oficina de valoración aqueles cuxa mobilidade llo permita, o resto serán valorados no seu domicilio como ata o de agora.