A Xunta valora a solidariedade e implicación co benestar dos menores en situación de desamparo das familias acolledores

O Goberno galego incrementou este ano ata os 3,4 millóns de euros os fondos que destina ao programa de acollemento
Publicado por o día 22/09/2018 na sección de Social,Xunta de Galicia

A Xunta valora a solidariedade e implicación co benestar dos menores en situación de desamparo das familias acolledores

A directora xeral de Familia, Infancia e Dinamización Demográfica da Xunta de Galicia, Amparo González Méndez, puxo hoxe o énfase na “solidariedade” das familias que acollen a nenos, nenas e adolescentes en situación de desamparo. Así o fixo no acto de benvida ás familias acolledoras que participan no encontro organizado pola Cruz Vermella no municipio lucense de Sarria.

Ademais, a titular autonómica destacou a “implicación destas familias no obxectivo de procurar que estas persoas menores vivan nun ambiente normalizado no que se senten protexidos, queridos e poden desenvolverse plenamente”. Neste sentido, garantiu a continuidade do apoio da Xunta a estas familias, e lembrou que este ano 2018 se incrementou ata os 3,4 millóns de euros o orzamento destinado ao programa de acollemento. Na actualidade, máis de 1.500 nenos, nenas e adolescentes están en acollemento familiar, ben sexa en familia extensa ou allea. Esta cifra eleva ata o 59% a porcentaxe de menores baixo esta medida, que forma parte do sistema de protección da Administración autonómica.

A Xunta de Galicia desenvolve desde o ano 1995 programa de acollemento familiar en colaboración con Cruz Vermella. A entidade encárgase de executar o programa realizando accións de difusión, e de preselección das familias que poden acoller e ofrecéndolles formación, apoio e asesoramento tanto previamente como durante o tempo que dure o acollemento.

Os beneficiarios do programa son aqueles menores de 0 a 17 anos en situación de risco ou desamparo para os que a medida de acollemento en familia allea se estime como a máis axeitada, coa expectativa da posible volta á súa familia de orixe nos casos no que sexa posible. “O obxectivo é proporcionarlle ao neno, nena ou adolescente un ambiente normalizado axeitado para a súa idade e momento evolutivo”, explicou a directora xeral.

Dende a Consellería de Política Social realízase un apoio íntegro ao recurso de acollemento familiar por considerar que é o mellor recurso de protección para os nenos, nenas e adolescentes en situación de risco ou desamparo. Este apoio íntegro manifestase no incremento realizado no 2017 a achega económica polo acollemento de nenos, nenas e adolescentes de 3 a 18 anos; así como na mellora este ano do sistema de pagamento co obxectivo de que a familia extensa perciba unha axuda en todos os casos nos que os seus ingresos per cápita sexan inferiores a 7.500 euros. Esta medida beneficiou ao 95 % das familias acolledoras.