A Xunta valora como un triunfo de todos os galegos a incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público

O conselleiro de Cultura e Turismo en funcións salienta que a sentenza “é unha boa nova para o Estado de Dereito, para o interese xeral e para Galicia”
Publicado por o día 02/09/2020 na sección de Cultura,Xunta de Galicia

A Xunta valora como un triunfo de todos os galegos a incorporación do Pazo de Meirás ao patrimonio público

A Xunta de Galicia valora como un triunfo de todos os galegos o fallo do Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña coñecido hoxe, que declara que o Pazo de Meirás é propiedade do Estado e ordena á familia Franco a súa restitución ao patrimonio público.

En declaracións aos medios tras a notificación do fallo, o conselleiro de Cultura e Turismo en funcións, Román Rodríguez, salientou que é “unha boa nova para o Estado de Dereito, para o interese xeral e para Galicia”. Como indicou, trátase dunha sentencia “moi clara” que avala os argumentos xurídicos achegados desde a Xunta de Galicia e que sostiveron a demanda interposta pola Avogacía do Estado.

Neste procedemento, como agora certifica a Xustiza, a Xunta defendeu que concorrían razóns para reclamar a propiedade do Pazo de Meirás como dominio público. Ao respecto, o conselleiro en funcións lembrou o proceso seguido ata chegar a este punto, que “xorde dun acordo” no Parlamento de Galicia polo cal se instou á Xunta á creación dunha comisión de expertos para elaborar un documento fundamentado desde un punto de vista histórico e legal que permitise a incorporación ao patrimonio público deste ben.

“Un estudo –abundou o titular de Cultura– cuxos argumentos e principios foron asumidos para defender o proceso civil polo cal se procura que Meirás se reintegre ao patrimonio público”. “Calquera familia ten dereitos e obrigas”, declarou Román Rodríguez, que concluíu a súa valoración chamando a atención sobre a necesidade de “estudar con detalle a sentenza, de preto de 400 páxinas”, que declara nula a doazón das Torres de Meirás así como a súa compraventa, ao determinar que este contrato, realizado o 24 de maio de 1941, foi unha “simulación”, o que determina a súa nulidade.

Comentar noticia

Your email address will not be published.